Apertura do prazo de solicitude para as subvencións da Fundación Cangas Deporte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

Hoxe publícanse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra as bases para a concesión de subvencións destinadas ao fomento do deporte federado 2014, aprobadas polo Consello Reitor da Fundación Cangas Deporte na asemblea celebrada o pasado 9 de xuño.

Estas axudas teñen como obxectivo apoiar ás entidades deportivas nas súas actividades derivadas da participación en ligas ou competicións oficiais de ámbito comarcal, provincial, autonómico ou nacional, convocadas por organismos oficiais ou federacións deportivas.

Mediante esta subvención os clubs poderán sufragar os gastos relacionados con actividades realizadas no 2014 nos conceptos de arbitraxe, persoal técnico deportivo, taxas e cotas de tramitación de licencias deportivas, dereitos de organización de campionatos/competicións, canon de federacións Deportivas de Galicia ou Nacionais, cotas de Mutualidades Deportivas, dereitos de participación en competicións, cotas de afiliación a seguros deportivos, seguros de Responsabilidade Civil do club e adestradores/monitores, desprazamentos, aluguer de instalacións deportivas, material técnico deportivo e aloxamentos. Non se inclúen os gastos de protocolo ou representación nin os gastos suntuarios.

Serán gastos subvencionables aqueles derivados de actividades deportivas realizadas entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2014, ambas datas incluídas.

As entidades deportivas interesadas contarán cun prazo de 20 días naturais a partir de mañá martes día 24 de xuño, para entregar as súas solicitudes no rexistro xeral do concello de Cangas, ou tal e como se establece no art. 38.4 da lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de presentar a solicitude nunha oficina de correos, farase en sobre aberto para que as solicitudes sexan datadas e seladas polo funcionario correspondente.

Poderán beneficiarse destas axudas os clubs ou entidades deportivas sen animo de lucro e con Personalidade Xurídica Propia que estean federados nunha ou varias modalidades deportivas e que se atopen ao corrente no cumprimento das súas obrigacións tributarias, fronte á Seguridade Social e fronte ó Concello de Cangas. Tamén deben estar inscritos no rexistro de asociacións deportivas da Dirección Xeral para o Deporte e non estar incursos en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas.

23 de xuño de 2014 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.