Apertura do prazo de presentación de solicitudes para a explotación das cantinas do pavillón da Malata
A Concellería de Facenda e Patrimonio do Concello de Ferrol, que dirixe Alejandro Langtry Caínzos, informa da apertura do prazo de presentación de solicitudes no procedemento aberto para a autorización do aproveitamento especial dos ambigú do pavillón polideportivo municipal da Malata. Así o ratifica hoxe a publicación do documento no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP) que estipulan un prazo de 30 días para a presentación de ofertas no Rexistro Xeral do Concello.
Ámbolos dous ambigú están situados nos baixos das bancadas norte e sur do pavillón da Malata e dispoñen dunha superficie útil de 60 metros cadrados cada un deles. Ditos elementos están afectos ao servizo, tanto do polideportivo da Malata como das pistas de atletismo, tenis, pádel, etc… lindantes ao polideportivo. Os obxectos de explotación están constituídos polas correspondentes barras e unha billa de auga fría. En canto ao horario de funcionamento, o ambigú do fondo sur deberá estar aberto, como mínimo, en todo o horario de actividade do Pavillón Municipal da Malata, especialmente nas tarde de luns a venres. Polas mañás podería substituírse por máquinas expendedoras, se así o recollese na súa proposta o interesado que resulte elixido. No caso dos sábados e domingos, a cantina do fondo sur deberá estar aberta durante todo o horario de funcionamento do pavillón e estar atendida polo menos por unha persoa. Así, cando se desenvolvan competicións e o aforo o precise, se deberán abrir as dúas cantinas -fondo norte e sur- co persoal suficiente e necesario.
Segundo recollen as bases, a persoa ou entidade adxudicataria deberá efectuar como investimentos mínimos a instalación de maquinaria industrial (cafeteira, frigoríficos, etc) por un importe de 2.500 euros así como o acondicionamento – material, por 1.500 euros. Así mesmo, deberán aboar un canon mínimo de 960 euros anuais e o prazo de vixencia do contrato será de 4 anos. Os criterios que se terán en conta para a adxudicación do aproveitamento especial dos ambigu do pavillón da Malata son os seguintes: incremento do canon mínimo (50 puntos); incremento dos investimentos mínimos sinalados nas bases (30 puntos); e melloras (20 puntos).











