Apertura do prazo de inscrición para os campamentos de lecer alternativo na Coruña
O Concello, a través da área de Educación, Deportes e Mocidade que dirixe Francisco Mourelo, informa sobre a apertura do prazo de inscrición para os campamentos de lecer alternativo que a Concellaría pon en marcha, por segundo ano consecutivo, durante o mes de xullo.
Esta iniciativa, que viu a luz o ano pasado cunha ocupación do 100% das prazas ofertadas e unha alta valoración por parte das familias dos participantes, pretende proporcionar aos mozos coruñeses unha experiencia de lecer enriquecedora e saudable durante as súas vacacións de verán. O obxectivo é o de fomentar o deporte alternativo e as propostas de vida activa, facilitando o contacto e a interpretación do medio natural a través de xogos, actividades lúdicas e dinámicas potenciadoras das relacións grupais, a diversión e o lecer educativo.
A iniciativa está dirixida a mozas de entre 12 e 17 anos, organizados en grupos de idade. Ofrécense 90 prazas, divididas en dúas quendas de 45: do 1 ao 15 de xullo, e do 16 ao 31 dese mesmo mes.
As actividades, que se celebrarán en horario de 09.00 a 14.00 horas no albergue de Santa Cruz, dividiranse en catro propostas:
– Multideportivas: tiro con arco, propostas de deporte alternativo (kinball, floorball e ultimate), xogos deportivos na praia ou deportes de equipo.
– Acuáticas: Entre as que destacan a iniciación ao snorkel ou o kaiak de mar.
– Lúdico recreativas: rastrexo e xogos de pistas, orientación, geocatching, talleres creativos.
– Mediambientais: rutas de sendeirismo e interpretación ambiental por Santa Cruz; elaboración e realización de xogos con material reciclado ou gynkanas sustentables; todo coa intención de facilitar o contacto e a interpretación, por parte dos participantes, das contornas ambientais próximos e do coidado e o respecto pola natureza.
O período de inscrición, que se realizará no Espazo de Iniciativas Xuvenís (cale Matadoiro, número 68), manterase aberto do 9 ao 13 de xuño, en horario de 09.00 a 13.30 horas e de 19.30 a 21.00 horas. Cada campamento terá un custo de 45 euros e incluirá o transporte que realizará unha ruta de ida e volta con cinco paradas: Monte Alto, Riazor, praza de Ourense, Catro Camiños e Os Castros.
Unha vez finalizado o proceso de inscrición realizarase unha reunión informativa coas familias o mércores 25 de xuño ás 20.30 horas no Espazo de Iniciativas Xuvenís. Pódese solicitar máis información en juventud@coruna.es.
Estes campamentos xuvenís garanten unha experiencia positiva para os participantes e busca favorecer o seu desenvolvemento integral a través da ocupación do seu tempo de lecer con propostas que respondan aos seus intereses, motivacións e demandas e que propicien espazos lúdicos, educativos e de encontro.
ACCIÓNS FORMATIVAS
Ademais, durante este mes de xuño, o Concello, a través do Servizo Municipal de Mocidade, oferta dúas accións formativas para mozas de 12 a 30 anos. As temáticas propostas dos cursos que se desenvolverán son a creatividade publicitaria, a fotografía e o retoque dixital.
O Espazo de Iniciativas Xuvenís acollerá o Curso de Creatividade Publicitaria que se desenvolverá os días 10, 12, 17, 19 e 26 de xuño, en horario de 16.30 a 20.30 horas, cunha duración de 20 horas. A Ágora é o espazo onde se desenvolverá o Curso de Fotografía e Retoque Dixital. Serán 3 sesións formativas os días 14, 21 e 28 de xuño, en horario de 10.30 a 13.30 horas, cun total de 12 horas de formación. En ambos os cursos, a Concellaría de Educación, Deportes e Mocidade expedirá un diploma acreditativo para os participantes unha vez finalicen.
A alta demanda que este tipo de propostas tivo entre a poboación máis nova, cunha ocupación sempre do 100%, reforza a aposta municipal pola formación complementaria de calidade no tempo de lecer, unha liña de acción que marca un dos eixos de traballo principais da Concellaría de Mocidade.











