Apertura do prazo de inscrición no Conservatorio de Verín
Até o día 12, o Conservatorio Elemental de Música de Verín ten aberto o prazo para o alumnado que quere ingresar nos estudos oficiais de música no ano lectivo 2014-2015.
A inscrición realizase na Casa do Concello (Negociado de Cultura) cubrindo un formulario gratuíto. O prazo de admisión é exclusivamente para nenos nacidos entre os anos 2006 e 2000, ambos os dous incluídos. As persoas inscritas terán que pasar unha proba de acceso que se celebrará na segunda quincena de xuño, que consistirá en exercicios de discriminación e memoria rítmica e tonal, para os que non son necesarios coñecementos de linguaxe musical nin de práctica instrumental.
O Conservatorio Elemental de Música de Verín imparte os catro primeiros cursos oficiais das especialidades instrumentais declarinete, frauta, guitarra, piano, saxofón, trombón, trompa, trompeta, tuba, viola e violín. O alumnado recibe catro horas de formación á semana: tres horas de clases colectivas (dúas horas de Linguaxe Musical e unha hora Educación Auditiva e Vocal); e unha hora á semana de clase individual (alumno/a e profesor/a sós nunha aula) na especialidade instrumental na que se forma o alumno.
Ademais dos cursos oficiais, o centro ofrece un Curso de Fundamentos Musicais, de formación non regrada, para nenos nacidos no ano 2007. Para complementar a formación lectiva, o centro organiza unha serie de audicións e concertos durante o curso, nos que o alumnado se educa como espectador activo e aprende a actuar.
A música, linguaxe non verbal de gran valor cultural, ademais de aspectos artísticos, desenvolve a atención, observación, concentración, memorización, experimentación e creatividade; incidindo en capacidades intelectuais, socioafectivas, psicomotrices e de formación de hábitos. O Conservatorio Elemental de Música de Verín ofrécelle ás persoas da comarca de Verín a posibilidade de desenvolver gradualmente a formación musical durante un período de catro anos lectivos.











