Amizade agradece á Policía Local de Pontevedra a actuación sobre un condutor con tarxetas fraudulentas de minusvalía
Xa no mes de marzo tivemos coñecemento dunha actuación da policía local de Pontevedra que levou á sanción dun condutor polo uso fraudulentos da tarxeta de estacionamento para persoas con mobilidade reducida.
Resulta que hai uns días volvemos coñecer outro caso de uso fraudulento, coa súa correspondente sanción, e no día de hoxe podemos ler na prensa outra noticia relacionada tamén cunha persoa que facía un uso indebido da correspondente tarxeta.
Reiteramos os nosos parabéns á Policía Local de Pontevedra por esforzarse neste control e conseguir con elo que os infractores/as non queden impunes. Ese esforzo de control, en días consecutivos, seguramente de varios axentes, responde a un compromiso de todo o corpo da Policía Local (desde o máximo responsable ata os axentes, pasando polos mandos intermedios) de conseguir unha sociedade máis xusta. Un compromiso e unha dedicación que non é habitual atopar, polo que merece o recoñecemento público.
A propia Policía Local manifesta que as denuncias relacionadas cos estacionamentos reservados a persoas con mobilidade reducida supoñen só o 2,8% do total. A nós, 385 denuncias en 2013 (a máis dunha diaria, de media) aínda nos parecen moitísimas porque cada unha delas indica que un vehículo provocou ou puido provocar un prexuízo para as persoas con mobilidade reducida.
E temos que reiterar que resulta aínda máis indignante ver como familiares ou achegados das persoas titulares destas tarxetas son as que cometen o fraude.
Agardamos que cada vez sexan menos as persoas infractoras, á vez que animamos á Policía Local a que continúe co seu compromiso.











