Alumnos do CIPF O Pedroso de Santiago participan no lanzamento dunha radiosonda meteorolóxica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Lanzamento da radiosonda meteorolóxica

Lanzamento da radiosonda meteorolóxica

Un grupo de 30 alumnos do curso Control e protección do Medio Natural do CIFP O Pedroso de Santiago de Compostela visitaron esta mañá as instalacións de Meteogalicia e coñeceron o funcionamento deste centro de predición, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Así, os alumnos participaron no lanzamento dunha radio sondaxe, que consiste no lanzamento dunha radiosonda meteorolóxica que, impulsada por un globo, ascende a unha altura de 25 quilómetros e proporciona información sobre o estado actual da atmosfera.

A Xunta de Galicia organiza este tipo de visitas a MeteoGalicia, co fin de dar a coñecer aos cidadáns, en xeral, e aos alumnos, en particular, o funcionamento deste organismo. Estas actividades divulgativas, ademais de incluír visitas ás instalacións de Meteogalicia en San Lázaro, tamén consisten en conferencias e excursións a outros puntos onde hai instalacións que ofrecen datos sobre a actividade climatolóxica e que se procesan en Meteogalicia.

O obxectivo principal da visita é achegar a meteoroloxía á poboación, tanto se trate de alumnos pertencentes a centros educativos como asociacións diversas. Para iso, ademais de amosar as instalacións, os técnicos describen as tarefas habituais que realizan cada día para elaborar os prognósticos meteorolóxicos que ofrecen aos cidadáns a través da páxina web de Meteogalicia.

En primeiro lugar, os visitantes coñecen a sala de predición, onde se explican as ferramentas que se usan nas predicións diarias, e se dan coñecer unhas ideas básicas do proceso de predición meteorolóxica, facendo especial fincapé nas fontes de incerteza que existen no traballo de toma de datos e na posterior predición. Seguidamente, faise unha breve presentación sobre a meteoroloxía e a climatoloxía, en función da idade de cada visitante.

3 de xuño de 2014 | 12:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.