Alta participación nas charlas sobre o aforro na factura eléctrica da Deputación e a Unión de Consumidores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Perto de 800 pontevedreses participaron nas 11 charlas sobre Consumo e Aforro de Electricidade impartidas ata o de agora noutras tantas localidades da provincia pola Unión de Consumidores de Galicia en colaboración coa Deputación de Pontevedra.

Entre as cuestións sobre as que máis información se demandou nas charlas habidas xa en Baiona, Caldas de Reis, Cangas, Cuntis, Cambados, Ponte Caldelas, Tui, A Estrada, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Cerdedo, destacan as seguintes:

– As dúbidas sobre as distintas modalidades de contratación, é dicir, se teñen un contrato de subministro de electricidade no mercado regulado ou no mercado libre.

– A substitución dos contadores analóxicos polos contadores dixitais, cando se vai facer, quén ten a obriga de realizar o cambio, custe, que vai supoñer o cambio, etc.

– As posibilidades de cambio de tarifa e o procedemento para realizar dito cambio, así como a opción de reducir a potencia contratada. Sobre a potencia, tamén preguntan como adiviñar cal é a potencia que realmente necesitan no caso de non ter contador dixital (polo de agora a maioría dos asistentes).

– Apréciase especial interese entre  os asistentes sobre as cuestións relacionadas coa Tarifa de Último Recurso (antigo Bono Social), existindo un alto grao de descoñecemento sobre esta posibilidade de desconto.

– Cómo facer o cambio do mercado libre ao regulado e qué beneficios se poden obter co cambio, por exemplo o bono social.

Estas charlas veñense celebrando nunha vintena de concellos da provincia. Ademais das citadas, as vindeiras terán lugar os próximos días 26, xoves, en Marín (19,30 horas, na biblioteca), 27 en A Cañiza (salón de plenos 19,30 horas), día 27 en Ribadumia (Casa da Cultura, ás 20 horas) e día 30 en Lalín (19,30 horas, no Museo). Posteriormente, terán lugar en Mos, Ponteareas, Vigo e Pontevedra.

Ademais das devanditas charlas e con posterioridade a elas a Deputación abrirá oficinas en Lalín, A Estrada, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Cangas, Redondela, Ponteareas, Vigo e Tui. Nelas, técnicos especialistas analizarán caso a caso e orientarán os usuarios sobre o tipo de contrato que máis lles convén, a tarifa máis axeitada ou se a potencia contratada se axusta ás súas necesidades.

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, suliñou que se trata “de dar resposta a un dos problemas que máis preocupa aos cidadáns desta provincia nestes momentos, como é todo o referido á factura eléctrica e as posibilidades de aforro nela”.

23 de xuño de 2014 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.