Allariz acollerá unha nova edición das xornadas de Carne de Boi

O alcalde de Allariz na visita á explotación O Rego
O Concello de Allariz presentaba, esta mañá, unha nova edición das Xornadas de Degustación de Carne de Boi de Allariz cunha visita á explotación de bois “O Rego” en Coedo.
O Concello de Allariz asinou, no ano 2011, un convenio coa Comunidade de Montes en Mancomún de Penamá para poñer en valor, a través da súa comercialización, A carne de boi de Allariz.
Segundo explicaba o alcalde, Francisco García, na visita a Coedo, Allariz ten todos os ingredientes para que o proxecto de comercialización de carne de boi sexa, hoxe en día, unha realidade “o territorio de superficie abandonada recuperado, a Festa do Boi como un magnífico escaparate para a súa promoción e a hostelería alaricana como vía de comercialización”.
A comunidade de montes de Penamá e a explotación O Rego levan catro anos traballando na cría de boi de Allariz o que permite, dende hai tres anos, a comercialización da súa carne. Isto permitirá poñer en marcha, un ano máis, as xornadas de degustación de carne de boi de Allariz.
O ano pasado as xornadas foron un éxito, comercializáronse 1.400 kg de carne de boi de Allariz, polo que esta edición repetirá o mesmo esquema. Este mes levarase a cabo o sacrificio do primeiro animal, que xa leva dous anos de ceba, e que se poderá degustar a partir de finais de xullo. O proceso repetirase ata o mes de outubro no que se sacrificará o cuarto e último boi.
As xornadas de carne de boi de Allariz constitúe un novo elemento atractivo para a localidade.











