Allariz acollerá o Campionato de España de Tríatlon en Idade Escolar por Seleccións Autonómicas
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe na presentación do Campionato de España de Tríatlon Cadete 2014 por Seleccións Autonómicas, organizado pola Xunta de Galicia en colaboración co Consello Superior de Deportes (CSD) e as federacións galega e española de tríatlon.
Na súa intervención, Lete Lasa considerou dobremente axeitada a elección de Allariz como sede desta competición deportiva en idade escolar, tendo en conta que Galicia é un claro referente nacional en tríatlon, ao que se suma a longa tradición e apoio da localidade ourensá a esta modalidade deportiva.
Logo de destacar os bos resultados que os triatletas galegos de alto nivel están a obter no actual calendario competitivo, incluído o sólido liderado do tricampión mundial Javier Gómez Noya nas series mundiais 2014, o titular de Deportes da Xunta subliñou o crecemento do número de triatletas de base en Galicia, que ocupa o sexto posto a nivel autonómico en número de licencias, con 1.246 deportistas.
Na súa opinión, este fomento do tríatlon nas ideades máis temperás “é un mérito que corresponde especialmente aos clubs de base, aos que desde aquí felicito, e que loxicamente contan tamén con todo o apoio da Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno e, por suposto, da Xunta de Galicia”.
Leta Lasa lembrou o carácter estratéxico que ten para o Goberno galego o fomento da práctica deportiva entre os escolares, non só para manter no futuro o bo nivel do noso deporte profesional, se non por axudar a cumprir cun obxectivo “aínda máis transcendental, que é a vida saudable e de calidade de todos os galegos”, e neste sentido remitiu ao Plan Galicia Saudable, posto en marcha pola Xunta para promover o deporte e o exercicio físico como ferramenta de saúde en todos os grupos de poboación, con especial fincapé nos máis pequenos, posto que eles son o futuro, e propiciando un cambio cultural cara a unha vida máis activa.
Ademais de desexar que as seleccións galegas masculina e feminina de tríatlon cadete revaliden en Allariz os éxitos do pasado ano na mesma competición celebrada en Alfàs del Pi (Alicante), felicitoulles polos bos resultados acadados nos recentes campionatos de España de tríatlon e acuatlon cadete, e desexou a todas as seleccións autonómicas que competirán esta fin de semana “un certame cheo de xogo limpo e alto nivel deportivo”.
Finalmente, celebrou que eventos como este contribúan á dinamización económica da Galicia interior, destacando que “Allariz leva moitos anos traballando intelixentemente para poñer en valor os seus recursos naturais e culturais e posicionarse como destino turístico de calidade”, engadindo que os triatletas escolares e os afeccionados poderán visitar estes días o V Festival Internacional de Xardíns de Allariz, unha mostra das sinerxías que xeran na industria turística a combinación de natureza, cultura e deporte.
Campionato de España de Tríatlon Cadete
O certame, no que participan quince comunidades autónomas, estrutúrase en dúas probas: tríatlon individual, que terá lugar o sábado de pola mañá, e tríatlon relevos, na mañá do domingo.
En total competirán 30 equipos –dous por cada comunidade autónoma, nas categorías feminina e masculina-, estando integrado cada equipo por catro deportistas.
Os triatletas das seleccións galegas son:
Cadete Masculino:
Marcos Ruiz Brage
Víctor Souto Ramos
Alejandro Pardo Bello
Carlos Brión Sampedro
Cadete Feminino:
Carmen Gómez Cortés
Carla Castaño García
Inés Santiago Morón
Sara Guerrero Manso
A Secretaría Xeral para o Deporte asume a organización do evento, en colaboración coas federacións galega e española de tríatlon, o Consejo Superior de Deportes (CSD), e o Concello de Allariz e da Deputación de Ourense.











