Alfonso Rueda rexeita unha bicefalia no goberno de Santiago
O vicepresidente da Xunta e secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, considera que a crise “importante” no Concello de Santiago está “solucionada”, ao tempo que rexeitou que poida haber unha bicefalia pola decisión do alcalde, Ángel Currás, de seguir como concelleiro.
En rolda de prensa, tras a súa participación nos ‘Almorzos on/off da demarcación coruñesa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), e preguntado pola situación nesta Casa do concello, defendeu a “reacción” e as “decisións” adoptadas no seo do PPdeG.
Ademais, mostrouse confiado en que “nunha semana” o actual conselleiro de Medio, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, sexa alcalde. “Trátase de que o Concello funcione no día a día e espero que se produzan moitas noticias en positivo”, sentenciou.
BICEFALIA
Preguntado se teme unha bicefalia pola decisión de Angel Currás de continuar como concelleiro, rexeitou esta posibilidade e recalcou que Agustín Hernández “exercerá as súas obrigas como ten que exercelas”.
Respecto á decisión de Currás, dixo que a respecta, pero recordou que o actual alcalde “dixo que era unha situación transitoria”. “Pero o tempo concreto correspóndelle dicilo a el”, sentenciou.
SUBSTITUTO HERNÁNDEZ
Mentres, sobre a persoa que substituirá a Agustín Hernández á fronte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, subliñou que a decisión “lle corresponde ao presidente”, en referencia a Alberto Núñez Feijóo.
Non obstante, remarcou que “non vai haber un baleiro de poder”. “E recambio por suposto”, insistiu. Ao fío diso, apostilou que o nome “concreto” do substituto tampouco o coñece.











