Alcaldes e representantes dos concellos coruñeses aclaran as súas dúbidas sobre as autorizacións de verbenas
O director xeral de Administración Local, José Alberto Pazos Couñago, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, mantiveron hoxe unha reunión con alcaldes e representantes dos concellos da Coruña para solucionar as dúbidas xurdidas sobre as autorizacións municipais para verbenas e festas populares. A este encontro tamén asistiu a delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo.
A reunión, celebrada no edificio administrativo da Xunta en Monelos, enmárcase na rolda de contactos que se están a celebrar esta semana nas catro provincias galegas co fin de poder explicar a nova normativa e responder ás preguntas do persoal municipal presente.
No caso das verbenas e festas populares, a esixencia de licenza municipal xa viña establecida no regulamento xeral de policía de espectáculos públicos e actividades recreativas, e o que se pide é garantir que o escenario ou estrutura móbil reúna as condicións de seguridade para o desenvolvemento da actividade que se pretende realizar, consonte sempre á normativa aplicable. A nova norma plasma os requisitos que xa eran necesarios como consecuencia da aplicación da normativa que lle é propia.
As entidades locais son as competentes para outorgar as licenzas en materia de verbenas e festas populares, no caso de que estas sexan necesarias. As verbenas e festas populares sen instalación ou escenarios móbiles, non precisarán de licenza municipal, resultando suficiente para a súa celebración a comunicación previa ao Concello.
Nos casos en que sexa necesaria a licenza municipal porque se vaia a utilizar un escenario ou estrutura móbil, é necesario presentar un proxecto técnico que achegue o seguro de responsabilidade civil, información sobre o tipo de espectáculo, previsión aproximada de asistencia de público e horario da actuación, un Boletín eléctrico da instalación (asinado por un técnico competente), e a declaración de conformidade do fabricante CE e copia da documentación da ITV conforme, correspondente ao escenario móbil ou documento análogo acreditativo do estado de idoneidade do mesmo (asinado tamén por técnico competente).
Ademais, cumprindo coa lexislación vixente e en aras da máxima seguridade para os cidadáns, o Plan de autoprotección será esixible nos casos seguintes: en espazos pechados con capacidade igual ou superior a 2.000 persoas, ou cunha altura de evacuación igual ou superior a 28 m; en instalacións pechadas desmontables ou de tempada con capacidade ou aforo igual ou superior a 2.500 persoas; e ao aire libre, en xeral, aquelas cunha capacidade igual ou superior a 20.000 persoas.











