publicidade hoxe

Agustín Hernández asina en Rodeiro a nova fase de acondicionamento do río da localidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraRodeiro
A-
A+
Sinatura do acordo

Sinatura do acordo

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e o alcalde de Rodeiro, Luís López, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para a execución da segunda fase das obras de acondicionamento hidráulico do río Rodeiro.

A Administración autonómica, a través de Augas de Galicia, investirá 300.000 euros nesta actuación. O proxecto prevé a restauración de marxes, a execución dunha senda fluvial e a creación de espazos de ocio e zonas verdes no contorno do río Rodeiro, polo que se acadarán grandes beneficios tanto para os habitantes da zona como para o contorno natural. O prazo de execución será de 12 meses unha vez adxudicadas as obras, que está previsto que se inicien este mesmo ano.

O remate do acondicionamento hidráulico do río Rodeiro e a adecuación da súa contorna ao seu paso polo núcleo urbano de Rodeiro estruturarase en catro actuacións principais:
• Actuacións na canle do Río Rodeiro: estabilización de marxes na contorna da rúa do río repoñendo entulleiras, e recuperando o noiro natural na zona non somerxida; limpeza do fondo do estanque para aumentar a profundidade arredor de medio metro; reparación da presa existente e instalación dunha comporta manual en aceiro inoxidable; e limpeza das marxes do río.

• Acondicionamento do terreo e formación de sendas peonís: retirada de terras e residuos acumulados en diversos puntos da zona; execución de sendas peonís, con trazado e pendentes adaptadas ao terreo; catro pasarelas de madeira nos cruzamentos da senda co río; modificación do relevo co material escavado nas sendas formando un cordón de terras de 25 centímetros de altura e 75 cm de base, arredor da ribeira do estanque, para que funcione como barreira natural en caso de enchente das augas.

• Aparcadoiro e paso de peóns: na rúa do río definiranse 26 prazas de aparcadoiro; farase tamén unha senda peonil bordeando este aparcamento que comunica co treito antes definido mediante un novo paso de peóns.

• Mobiliario urbano, xardinaría e instalacións: as obras inclúen dúas zonas de xogo: unha infantil e outra para adultos; disposición dunha zona de lecer, con mesas e bancos; ademais, ao longo das sendas, disporanse bancos e papeleiras; na zona de máis altura da canle instalarase unha varanda de madeira de protección; na illa substituirase a caseta existente por unha nova. En canto á xardinaría, plantaranse árbores nas zonas verdes, con especies típicas de ribeira, e haberá unha zona de xardín tipo xaponés e zonas de plantación de flores.

Obras da primeira fase

Debido aos problemas de inestabilidade no río Rodeiro ocasionados por sucesivas riadas cumpría acondicionalo. Dada a envergadura das actuacións necesarias, realizouse unha primeira fase de acondicionamento en que se levaron a cabo as actuacións de maior urxencia.

Así, na primeira fase realizáronse labores de limpeza e protección das marxes, alargamento da canle e a execución dun estanque, por medio de pequenos encoros, aproveitando as características do terreo. No estanque construíuse unha pequena illa cunha caseta para aves.

Nun determinado tramo da actuación, dividiuse a canle orixinal do río en dúas para evitar os danos que periodicamente se ocasionaban polas enchentes dos ríos e executáronse pasarelas peonís. Ademais urbanizouse e alargouse a rúa do río dotándoa de servizos de abastecemento e saneamento e rede de pluviais novos.

2 de xuño de 2014 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.