Actividades de ocio e obradoiros de novas tecnoloxías nos programas de conciliación do verán en Brión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O Concello de Brión abre o prazo de inscrición nos seus programas de conciliación da vida familiar e laboral para as vacacións escolares do verán e que inclúen actividades de ocio e de tempo libro, un campamento de verán e obradoiros de novas tecnoloxías. Unhas actividades para as que será preciso anotarse na Casa da Cultura de Brión ou no 981 509 908.

O primeiro dos tres programas convocados terá lugar na Casa da Cultura de Brión e inclúe unha serie de actividades de ocio e de tempo libre para ocupar a última semana de xuño (do 23 ao 30 de xuño) e a primeira semana de setembro (do 1 ao 8 de setembro) de nenos e nenas entre 4 e 10 anos de idade. Os pais e nais teñen a posibilidade de escoller entre horario de mañá (de 10 a 13:00 horas) ou de tarde (de 17 a 20:00 horas). O pazo de inscrición remata o vindeiro 20 de xuño e son precisos un mínimo de 10 rapaces para a súa celebración.

Novas tecnoloxías e campamento

Para o mes de xullo, o Concello de Brión ten programados unha serie de obradoiros de novas tecnoloxías, de carácter semanal, de 45 minutos de duración e dirixidos especificamente a rapaces e rapazas de 5 a 11 anos e a maiores de 11 anos. En ambos casos, a cota de inscrición é de 10 euros por semana e as clases terán lugar na aula CEMIT (Carballeira de Santa Minia).

Os rapaces de entre 5 e 11 anos poden participar nuns obradoiros de montaxe e desmontaxe do PC (do 1 ao 7 de xullo), de trucos para sacarlle maior proveito ao ordenador (do 8 ao 14 de xullo), de iniciación á Internet (do 15 ao 21 de xullo) e de manualidades tecnolóxicas (do 22 ao 29 de xullo). Faranse dous horarios: de 17:30 a 18:15 horas (para rapaces e rapazas de 5 a 7 anos) e de 18:30 a 19:15 (para rapaces e rapazas de 8 a 11 anos). Para os maiores de 11 anos, os obradoiros terán lugar en horario de mañá, de 11:30 a 12:30 horas, e a programación é a seguinte: montaxe e desmontaxe do PC, GIMP (retoque de imaxes), Audacity (gravación, mestura e dixitalización de música) e PREZI (presentacións).

Finalmente, para o mes de agosto o Concello de Brión ten programado o seu campamento de verán para nenos e nenas de entre 7 e 16 anos de idade. O campamento terá lugar do 18 ao 29 de agosto e a cota de inscrición é de 150 euros. O prazo de inscrición remata o vindeiro 30 de xuño.

En todos os casos a admisión realizarase por rigorosa orde de inscrición, tendo preferencia os nenos e nenas empadroados en Brión.

13 de xuño de 2014 | 11:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.