publicidade hoxe

Actividades culturais en Laxe para os vindeiros días

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLaxe
A-
A+

O Concello de Laxe presenta diversas actividades culturais que terán lugar no municipio.

DOMINGO 8 DE XUÑO : ACTUARÁN “OS BOLECHAS E O SABICHÓN” EN LAXE

Os Bolechas volven este ano ó noso concello cunha noa proposta lúdica e didáctica. A actuación terá lugar ás 18 horas salón de actos municipal.

O acceso será libre e gratuíto e terá lugar uns minutos antes da actuación, cando se abran as portas do equipamento.

A actividade é unha iniciativa que forma parte da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) no marco do programa FalaRedes 2014 da Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa que se pretende fomentar a lingua galega nos máis cativos, así como o coñecemento en xeral e que foi concecida ó Concello de Laxe como membro desta rede.

A actuación, está pensada para nenos de 3 a 9 anos así como para as súas familias, e está ideada a modo de concurso cun miniteatro onde os Bolechas, preséntanse en forma de monicreques manipulados por actores á vista.

A temática nesta ocasión xirará arredor dun concurso no que participarán Os Bolechas así como as nenas e nenos presentes no auditorio e que acabará, como adoitan rematar as aventuras destes irmáns. O contrapunto porao A Sabichona, a presentadora do concurso, unha personaxe un pouco prepotente e, como o seu nome indica, moi “lista”.

Para participar formaranse dous equipos, cada un liderado por un Bolecha, que terán que enfrontarse a unha serie de preguntas e probas moi divertidas para demostraren coñecementos e habilidades, todo nun divertido set creado en exclusiva para o concurso.

Agardamos que, como noutras ocasións, a actividade resulte do voso interese e que unha vez máis enchades o salón de actos para pasar uns momentos de entretemento en familia con estas personaxes que dende fai 14 anos, están a ser unha verdadeira revelación editorial en Galicia. Contan xa con máis de 400 títulos publicados e preto de 1.500.000 exemplares distribuídos, debido en gran parte ó furor e lexión de seguidores que teñen entre os máis pequenos e pequenas dos nosos fogares.

LUNS 9 DE XUÑO:

ACTUACIÓN DO GRUPO DE MÚSICA TRADICIONAL BRINCADEIRA NO DÍA DO PEÑÓN

A partir das 18 horas do luns 9 de xuño, o grupo BRINCADEIRA, chegado na súa maior parte da zona de Santiago de Compostela, estará na Braña de Soesto para a achegarnos diferentes pezas musicais e cantigas galegas que agardamos, fagan bailar e desfrutar ó público, aínda máis se cabe, neste día de festa.

Un ano máis, coa intención de apoiar e potenciar a celebración e continuidade desta festa local tradicional, coñecida por todos e todas como o Día do Peñón, a Concellería de Cultura e Benestar Social do Concello de Laxe, tal e como adiantábamos, aportará música en directo coa finalidade de facer esta xornada o máis agradable posible aportando un elemento que sempre estivo presente nela, a música e as cantigas.

Nesta ocasión, despois de valorar diferentes opcións, decidímonos pola contratación, coa axuda da subvención da Rede Cultural da Deputación da Coruña, dun grupo de música e baile tradicional que terá a seguinte formación: 5 pandereteiras, 2 gaitas, 1 tambor e 1 bombo.

Agardemos que o tempo nos acompañe para poder brincar e desfrutar desta xornada e destes músicos e cantareiras durante unha actuación que será, como de costume, rotativa entre os diferentes grupos de amigos e/ou familiares que se constitúan, en lugar de permanecer estática nun único punto, e que terá, unha duración aproximada dunha hora e media.

Posto que a predición non é positiva, informamos que en caso de choiva ou fortes ventos a actuación de Brincadeira quedará suspendida.

ALGUNHA INFORMACIÓN EXTRA DO GRUPO BRINCADEIRA

O grupo Brincadeira formouse a finais dos anos 70 co obxectivo de conservar e difundir a música e o baile tradicional galegos. Os primeiros membros procedían de Coros e Danzas da Sección Feminina de Santiago de Compostela que naceron no 1942 e desapareceron durante a Transición. Deles herdaron instrumentos, traxes e o gusto pola nosa música e o noso baile para transmitilo de xeración en xeración.

O repertorio de Brincadeira baséase nun traballo de campo realizado ó longo de toda a xeografía galega e no que se busca como informantes ás persoas de maior idade que aprenderon da tradición oral.

Nas súas actuacións, Brincadeira trata de reproducir da forma máis fiel posible as pezas de baile e música recollidas que amosen a variedade e a riqueza da nosa cultura. O mesmo sucede co seu vestiario, elaborado con texidos naturais, seguindo modelos e patróns antigos e coidando as características específicas de cada rexión.

PROGRAMA DE ACTUACIÓNS DA CORAL POLIFÓNICA MUNICIPAL ATALAIA DE LAXE NOS VINDEIROS MESES

Despois de ter participado o pasado 23 de maio no Certame de Corais de Neria que tivo lugar este ano na Casa da Cultura de Vimianzo, a Coral Polifónica Municipal Atalaia de Laxe, este sábado volve a viaxar á Estrada onde actuará no Festival de Corais que terá lugar no Teatro Principal.

Mais isto non é todo, senón que a finais deste mes de xuño, o sábado 28 e domingo 29 viaxarán ata Aveiro en Portugal, onde ademais de desfrutar de tempo de ocio e de placer no país veciño, amosaran a súa cualidade vocal no certame de corais que terá lugar neste lugar.

No mes de xullo, como de costume, formará parte directa, xunto co Departamento de Cultura do concello da organización e coa Asociación de Amigos da Coral Polifónica Municipal Atalaia de Laxe, e interpretará novos temas no que será o XII Certame da Canción Mariñeira que terá lugar en Laxe, o domingo 27.

En agosto, en concreto o sábado 2 de agosto, viaxarán ata Cedeiraformando parte do concerto que terá lugar neste concello e tan só, unhas semanas despois, o 20 de setembro, actuará na Illa de San Simón en Redondela.

Para rematar o ano, de momento, a Coral Polifónica Municipal terá outras dúas actuacións: o sábado 22 de novembro estará no Festival de Santa Cecilia en Bertamiráns e en decembro rematarán o ano, tomando parte activa no Festival de Panxoliñas que terá lugar en Laxe o sábado 13.

6 de xuño de 2014 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.