Acondicionamento dun afluente do río Con para evitar asolagamentos en Vilagarcía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas adxudicou as obras de acondicionamento dun afluente do río Con na rúa Florida, en Vilagarcía de Arousa, á empresa Arias Hermanos por un importe de 520.000 euros; polo que este mesmo verán se poderán iniciar as obras. Os pasos seguintes son a sinatura do contrato e definición dun plan de tráfico por parte do Concello, co fin de ordenar o tráfico rodado neste punto e reducir as molestias que se poidan ocasionar aos condutores e veciños.

Este proxecto pretende dar unha solución a un problema frecuente que son as inundacións en rúas e vivendas debido a que en épocas de choivas o regato existente, afluente do río Con, conduce excesiva cantidade de auga e a súa sección é insuficiente.

Trátase dunha actuación que se executarán en base a un convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Vilagarcía de Arousa para a execución da obra de acondicionamento hidráulico do río Con, na rúa Florida. As actuacións complétanse coa obra complementaria que debe executar por requirimento da Xunta a empresa construtora do edificio en que se inunda o garaxe.

No Concello de Vilagarcía de Arousa existe un pequeno regato, afluente do río Con, no que non só se canalizaron as augas fluviais mediante unha condución de sección insuficiente, senón que ademais se edificou sobre a traza da mesma. Así os veciños dos inmobles situados na rúa Rodrigo de Mendoza teñen ubicada nos garaxes dos edificios unha canalización aberta, polo que discorre este regato. En época de chuvia a sección é insuficiente provocando o anegamento dos garaxes.

Accións a executar

A actuación divídese en dúas fases: a primeira, adxudicada hoxe, será executada pola Xunta; e a segunda será realizada pola empresa construtora do edificio situado enriba do regato.

As obras consistirán na inutilización da actual canalización e a construción dunha nova que evacúe as augas dende o inicio das canles actuais na rúa Rodrigo de Mendoza ata o parque da Coca, nas inmediacións da rúa Florida, rematando nunha canle aberta de escollera de 30 metros de longo que conduce as augas ata o río Con.

Na primeira fase executarase a condución entre a rúa Rodrigo de Mendoza e a Avenida das Carolinas así como a canle final.

A nova condución realizarase mediante tubos de formigón armado cun diámetro interior de 1.800 mm. A condución do regato remata na confluencia co río Con, o fondo da canle realízase con escollera de formigón.

25 de xuño de 2014 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.