Aberto o prazo de inscrición para participar no campamento urbano de Amencer

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Coas mesmas premisas que outras edicións, de carácter aberto, libre e gratuíto, foi presentada esta mañá unha nova edición do Campamento Urbano de Amencer, no que colabora a Concellería de Xuventude do Concello de Ourense. O campamento celebrarase entre o 4 e o 14 de agosto na cidade, con dúas modalidades, para nenos e nenas de entre 8 e 16 anos, e a partir dos 15 anos para o campamento xuvenil.

A concelleira de Xuventude, María Devesa, amosou o seu apoio a un campamento que supón a única experiencia estival para tres cuartas partes dos participantes. A Concellería aumentou a súa aportación económica nun 23% con respecto ao pasado exercicio, cun total de 8.400 euros para o apoio na celebración das actividades.

O coordinador da Asociación Xuvenil Amencer, Xulio César Iglesias, fixo fincapé nos 26 agostos continuados que se leva organizando o campamento -16 edicións do campamento xuvenil-, así como no ambiente que crea na cidade. Xulio fixo balance da edición 2013, con 615 participantes menores de 15 anos, 125 maiores de 15 anos e 185 voluntarios e voluntarias. Todos eles percorreron máis de 2.000 quilómetros so na pasada edición.

Adrián Seguín, un dos organizadores desta edición, salientou a ampliación de idade (ata 16 anos en lugar de ata 15), e explicou a selección do lema da edición 2014 “Atrévete”, “sinxelo pero con forza, co obxectivo de que os nenos e nenas se atrevan a vivir esta aventura e vivan tamén o que lles ofrece a súa cidade”. Tamén salientou algunha das novidades deste ano, como o “Día do Entroido” ou o “Día do Barrio”, así como outras actividades xa clásicas no campamento, o “Día da Auga” ou o “Día do Parque”.

Pola súa banda, Laura Valcárcel valorou a recuperación do “Día da Praia”, e agradeceu a colaboración e implicación tanto de patrocinadores, como de entidades privadas e públicas. Todos os interesados e as interesadas poden formalizar xa a súa inscrición tanto na Concellería de Xuventude como en Amencer, e por vez prmeira nesta edición, a través da web www.amencer.org.

19 de xuño de 2014 | 13:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.