A Xunta promove a contratación de persoal nas oficinas de turismo de Sarria, Quiroga e Chantada
A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destacou hoxe que a Xunta, a través de Turismo de Galicia, financia mediante unha liña de axudas específica a contratación de persoal nas oficinas de turismo de tres concellos declarados Municipios Turísticos da metade sur da provincia de Lugo.
Arias destacpu que, a liña de apoio que vén de promover Turismo de Galicia, beneficia directamente os concellos de Chantada, Quiroga e Sarria. A representante do Executivo galego asegurou que estas achegas están dispostas para “manter a calidade no servizo de información turística que se presta nos municipios que contan coa devandita declaración”.
Arias engadiu que con esta medida “estimúlase a contratación de persoal de xeito que se potencie a imaxe tanto dos Municipios Turísticos como de toda a provincia e a Comunidade galega no exterior”. A delegada territorial indicou que con estas achegas se actúa “en colaboración económica cos concellos para divulgar e promover a atención turística neste municipios e no seu contorno”.
A representante do Executivo galego lamentou que outros tres concellos desta área non presentasen sequera a solicitude para concorrer a esta orde de axudas, dotada cun total de 175.000 euros no conxunto da Comunidade. Na situación de non presentar solicitude están os concellos de Lugo, Monforte e Samos.
Aposta turística
A delegada territorial do Executivo galego aludiu á colaboración que fai a Xunta no eido turístico, onde con medidas como esta “fai unha aposta para rendabilizar os excepcionais atractivos cos que conta a zona sur, por exemplo, no eido paisaxístico e no enogastronómico”.
Raquel Arias valorou a importancia “da acción conxunta de cara a promocionar o turismo da Ribeira Sacra e de toda a metade sur da provincia”, xa que “sumando esforzos para a posta en marcha dos servizos necesarios, seremos capaces de definir mellor os obxectivos, priorizar as actuacións e ser máis eficaces na difusión da nosa mensaxe, aforrando ademais en custos”.
Os concellos de Chantada, Quiroga e Sarria beneficiaranse dunha axuda que ten como tope xeral os 8.000 euros por concello, cos que se pode sufragar o persoal específico destas oficinas dende o mes de xuño ata outubro, segundo as solicitudes realizadas polos propios concellos. Os requisitos do persoal contratado serán estar en posesión do título de Técnico Superior en Información e Comercialización Turística ou Técnico Superior en Guía, Información e Asistencia Turística; Técnico en Empresas e Actividades Turísticas ou Grao ou Diplomatura en Turismo ou equivalente homologado.
Con esta liña dáse cumprimento á Lei 7/2011, do Turismo de Galicia, que recolle no seu desenvolvemento que que os municipios turísticos deben ser obxecto de atención preferente nas liñas e medidas de fomento económico establecidas pola Administración da Xunta de Galicia.
Os tres concellos desta área representan a metade dos concellos lucenses que se benefician destas axudas, para as que tamén presentaron solicitude, que foi concedida en tódolos casos, outros tres concellos da Mariña.