A Xunta Local de San Sadurniño dalles luz verde ás sendas peonís de Santa Mariña e do Chao de Lamas
O Concello aprobou en xunta de goberno a adxudicación das obras que se van executar con cargo ao Plan de Obras e Servizos provincial. Son seis obras por un importe total de 133.500 euros, que se destinarán á reparación de pistas para mellorar a seguidade do tráfico e á construción de dúas novas sendas peonís que garantan tamén unha maior seguridade dos viandantes. A adxudicación deste paquete cadra coa finalización dos traballos noutras vías municipais, entre os que se conta o aglomerado da estrada da Portela.
A senda de máis lonxitude farase no lugar de Vilachá, en Santa Mariña do Monte, sobre un trazado por ambas marxes da estrada que, nun dos lados, cubrirá case medio quilómetro de percorrido. A outra senda construirase nunha banda da pista do Chao de Lamas e cunha distancia de 160 metros. Estas dúas infraestruturas suporán un investimento próximo aos 52.000 euros e levarán aparellada a canalización de augas pluviais por medio de arquetas e conducións soterradas. A Xunta de Goberno Local adxudicoulle as obras á empresa Excavaciones Saavedra y López, S.L.
No capítulo de arranxo da rede viaria incluiuse a pavimentación das pistas de Ramil e da Felgosa en Lamas e os da Vila e Riolimpo en Naraío, xunto co tramo que vai desde a Camba -Ferreira- ata a Felgosa. Son case 4 quilómetros de pistas cun orzamento global de algo máis de 82.000 euros. Da obra A Camba-Felgosa encargarase José Mantiñán e Hijos Construcciones S.A. e as reparacións restantes faraas Benigno García Suárez Construcciones en General S.A.
Desde o goberno local sinálase que estas non serán as únicas intervencións, xa que se están preparando proxectos para zonas doutras parroquias do territorio que se acometerán tamén en 2014 con cargo a programas como o DTC provincial ou o plan de camiños da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
Pistas xa rematadas
A da Portela, a das Ramisqueiras, a da Rubiña e a de Casanova son as pistas que o departamento de Obras acaba de reparar con fondos europeos procedentes do FEADER. Son case dous quilómetros e medio de vías que precisaban unha mellora importante. No caso da estrada da Portela -a última en rematarse- o Concello optou por un firme aglomerado por causa da intensidade de tráfico que soporta.
O Concello aprobou en outubro os proxectos dunhas obras que remataron en maio, xusto a tempo para a súa xustificación perante a AGADER. Esta axencia achega 60.949,80 euros con cargo ao Programa de mellora de camiños de titulariedade municipal, coñecido anteriormente como PEIM.
Os cartos foron para catro actuacións no Camiño Arriba-Lamas, en Naraío e en San Sadurniño. Así, no camiño das Ramisqueiras -duns 700 m de lonxitude e 3 metros de ancho- tapáronse os baches e e botouse unha nova capa de grava e asfalto. Este mesmo tratamento de restauración aplicouse na Casanova -315m. por 2,75 de ancho- e na Rubiña, onde a pista ten 240 m de longo e 3 metros de ancho medio.
Porén, a maior intervención levada a cabo foi na pista que une a estrada que vai a Santa Mariña coa de Pedroso pasando por diante da capela de San Cristovo da Portela. Non era a que presentaba peor estado, xa que se lle cubriron os baches que tiña o verán pasado. Porén, o intenso uso deste eixo viario levou ao Concello a deseñar un proxecto específico no que se lle deu un ancho uniforme de 4.5 metros con aglomerado, as gavias acondicionadas e sinalización horizontal. Desta maneira o departamento municipal de Obras agarda deixar lista para varios anos unha estrada de arredor de 1 km que, como engadido, será máis segura co novo firme.
O investimento total ascende a 73.743,46 euros dos que o Concello achega o 21% mentres que o 79% restante se sufragará cos fondos europeos do FEADER.











