A xunta de persoal de Santiago pide ao alcalde que non maltrate máis aos traballadores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O presidente da xunta de persoal de Santiago, Antón Barba, remitiu este mércores unha carta ao alcalde, Ángel Currás, para pedirlle que “non maltrate máis” ao persoal do Pazo de Raxoi, o que “mantén os servizos (…) departamento a departamento”.

“Dado que non se prevé que estea no seu ánimo presentar a dimisión e ser solidario e leal cos seus compañeiros”, comeza a misiva, na que os funcionarios da casa do concello compostelano recriminan ao rexedor a “agresión tremenda” que lles inflixiu nos últimos tres anos.

Sen deixar de advertilo de que “hoxe sería tamén pasto da xustiza” de presidir a xunta de goberno que aprobou o pagamento da defensa xurídica do exconcelleiro Adrián Varela, Barba recordou que os 600 traballadores do concello sempre facían o seu traballo “con harmonía, motivación e confianza”.

“Vostede creou discordia, tensión, desmotivación e desconfianza”, reprochou a Currás, a quen pediu que “free calquera tentación” de modificar a relación de postos de traballo “a todo correr” para “encubrir a inclusión no equipo” ao persoal que el mesmo designou.

Fronte a iso, demandou que se “repoña inmediatamente no seu posto a todo o persoal desprazado”, que se devolvan os “dereitos recoñecidos” aos que se xubilan, que se poña en marcha a carreira profesional e que se devolvan os dereitos sociais “amputados por un falso plan de axuste”.

“Esíxolle que nos devolva a confianza e a estima de traballar nesta institución”, conclúe a epístola ao alcalde, na que a xunta de persoal sostén que o Concello de Santiago “serve aos intereses de Compostela e dos seus cidadáns” con total dedicación e dignidade”.

4 de xuño de 2014 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.