A Xunta colabora co Concello da Coruña no acondicionamento dos camiños públicos no Castro de Elviña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, e o concelleiro de Medio Ambiente do Concello da Coruña, Enrique Salvador, visitaron esta mañá os traballos que se iniciaron hai poucos días para o acondicionamento de catro camiños do entorno do Castro de Elviña, en virtude da colaboración entre o Goberno galego e o local.

A Xunta destinará unha partida de 34.000 euros para esta actuación, a través do Plan marco de mellora de camiños de titularidade municipal que desenvolve a Consellería do Medio Rural e do Mar. O investimento completarase cunha achega de máis 16.000 euros por parte do concello. As obras, que se encarga de executar o departamento municipal de Medio Ambiente, consistirán en mellorar as condicións destas catro vías que dan acceso directo ao xacemento arqueolóxico e que suman unha lonxitude total de 1.410 metros.

A actuación servirá para resolver os problemas de asolagamentos nalgúns tramos. Ademais, acometeranse labores de limpeza de cunetas e roza das súas marxes e a reposición da capa de rodadura naqueles puntos máis deteriorados. Ata o de agora, estas vías atopábanse nun estado de conservación moi deteriorado, polo que a intervención neste ámbito permitirá facilitar a chegada ata o Castro, declarado Ben de Interese Cultural (BIC), poñéndoo en valor e favorecendo o seu disfrute á poboación. A previsión dos técnicos é que os traballos queden rematados esta mesma semana.

“Con estas iniciativas búscase dignificar o noso patrimonio e, en definitiva, mellorar a calidade de vida da poboación, así como contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas zonas do ámbito rural”, explicaron Do Campo e Salvador. Ambos coincidiron tamén en que a actuación servirá poñer en valor este núcleo da cidade da Coruña, “que merece o maior dos coidados e protección polo súa singularidade e pola súa tradición”.

No seu percorrido pola zona, a delegada territorial tamén subliñou que se trata dunha actuación que se leva a cabo nun marco de cooperación e entendemento entre a propia Xunta e o concello da Coruña. Neste senso, mostrouse disposta a seguir estreitando a colaboración institucional “co obxectivo de seguir mellorando os servizos que se ofrecen aos cidadáns e a resposta ás súas necesidades”. Para iso, a delegada territorial reiteroulle ao concello “todo o diálogo e apoio para buscar de xeito coordinado solucións ás demandas dos veciños”.

5 de xuño de 2014 | 13:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.