A voceira do BNG de Vigo desvincula a súa decisión de non repetir nas listas municipais do resultado do 25-M

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Local Portada ► Vigo ▼
A-
A+
Europa Press
Comparecencia Iolanda Veloso

Comparecencia Iolanda Veloso

A voceira municipal do BNG no Concello de Vigo, Iolanda Veloso, negou este luns que a súa decisión de non repetir na candidatura da formación nacionalista teña algunha relación co resultado do Bloque nas eleccións europeas do 25 de maio (nas que a formación perdeu máis de 2.000 votos e quedou como quinta forza na cidade).

Nunha rolda de prensa, a edila reiterou que a decisión de non optar a “ningún cargo institucional” foi “persoal” e adoptada “hai tempo”. Así mesmo, indicou que tamén comunicou esa decisión hai tempo, mesmo antes do último período electoral.

“En absoluto tivo que ver co resultado das europeas”, recalcou, e engadiu que “tivo que ver co feito de que neste período se cumprirán 8 anos” dende que chegou ao Concello, da man de Santiago Domínguez (que renunciou á portavocía do grupo no seu favor). “Son unha persoa nova e sempre tiven a miña profesión. Eu non entendo a política como algo ‘ad eternunm”‘, engadiu.

Veloso explicou que seguirá vinculada á política como militante do BNG, porque é un proxecto no que cre. “Pero vitalmente correspóndeme facer outras cousas”, indicou.

Con respecto á persoa que asumirá a candidatura á alcaldía da cidade olívica, Iolanda Veloso sinalou que a elección desa persoa non lle corresponde a ela. “A organización decidiu no seu momento a candidatura de 2007 e a de 2011 (nas que ela estaba), e decidirá a candidatura para 2015”, apostilou.

9 de xuño de 2014 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.