A visita institucional de Mato á Habana finaliza cunha ofrenda floral nos panteóns de Ferrol e Ortigueira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Beatriz Marto na ofrenda floral na Habana

Beatriz Marto na ofrenda floral na Habana

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, remataron a súa visita institucional á Habana cunha ofrenda floral nos panteóns de Ferrol e Ortigueira do cemiterio Colón.

Así mesmo, Mato e Miranda visitaron a Asociación ‘Naturais de Ortigueira’ Sociedade Española de Beneficencia e Protección Mutua, onde mantiveron un encontro coa súa directiva para analizar as súas principais actuacións en materia de atención social. Por último, os representantes galegos entregaron os premios do campionato de fútbol das sociedades españolas en Cuba.

Ambos responsables autonómicos desprazáronse estes tres días á Habana co fin de exportar o modelo do cooperativismo galego á illa caribeña, establecer acordos en materia sociosanitaria e para apoiar á mocidade cubana no I Encontro de mozos e mozas españois descendentes de galegos.

O venres, os membros do Goberno galego deron a coñecer as políticas que desde a Xunta se impulsaron nos últimos anos para fomentar esta fórmula empresarial, que está a demostrar que é resistente fronte á crise.

Así mesmo, os responsables da Xunta de Galicia reuníronse coa viceministra de colaboración internacional do Ministerio de Saúde, Marcia Cobas, coa que estudaron as posibles liñas de colaboración en materia sociosanitaria para os galegos e descendentes de galegos residentes en Cuba.

A axenda oficial da conselleira de Traballo e Benestar e do secretario xeral de Emigración completouse cun encontro coa directora de cooperación internacional da Oficina do historiador da Habana, Nelys García Blanco,que tivo como obxectivo abordar a posibilidade de abrir vías de colaboración.

Xa o sábado, asinouse un convenio de colaboración coa Sociedade de Protección e Recreo Monterroso e Antas de Ulla e a Federación de Sociedades Galegas de Cuba para a construción dun centro de día.

Doutra banda, os mandatarios galegos, acompañados do embaixador de España en Cuba, Juan Francisco Montalbán, inauguraron o I Encontro de mozos e mozas españois descendentes de galegos, onde animaron á mocidade galega en Cuba a emprender e comprometéronse a impulsar proxectos xuvenís entre Cuba e Galicia.A visita á Habana rematou o sábado no Centro galego da Habana, onde os mandatarios galegos inauguraron a mostra fotográfica “Nós Mesmos. Asociacionismo galego na emigración’.

9 de xuño de 2014 | 11:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.