publicidade hoxe

A VI Marcha Ciclista BTT reunirá a 200 ciclistas de España e Portugal en Monterrei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesMonterreiOurense
A-
A+
Presentación da VI Marcha Ciclista BTT Monterrei

Presentación da VI Marcha Ciclista BTT Monterrei

Cerca de 200 ciclistas, principalmente de Galicia, Castela León e Portugal, daranse cita o vindeiro domingo, 29 de xuño, en Monterrei para participar na “VI Marcha BTT Concello de Monterrei”, que organiza este concello xunto co Club BTT Verín, co patrocinio da Deputación de Ourense e Sousas. Na sala de xuntas do Pazo Provincial tivo lugar hoxe a presentación deste evento coa presenza do alcalde de Monterrei, José Luis Suárez; o deputado de Deportes da Deputación de Ourense e alcalde de Cualedro, Luciano Rivero; o vicepresidente do Club BTT de Verín, César Marcos; o responsable da Área de Deportes do Concello de Monterrei, Marcos Meno, e o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González.

A proba costa de tres modalidade: paseo, ruta amateur e ruta semiprofesional, cada unha delas de 15, 30 e 50 quilómetros, respectivamente, adaptadas ás capacidades e condicións físicas dos participantes: nenos e familias, ciclistas amateurs e corredores semiprofesionais.

Os alcaldes de Monterrei e Cualedro, municipios polos que discorre a proba, coincidiron en afirmar que esta marcha ciclista ten como obxectivo fomentar o deporte e dar a coñecer a riqueza paisaxística, monumental e natural da contorna, que conta entre os seus monumentos máis destacados o Castelo de Monterrei e os castros de Saceda e San Millán. Alcaldes e organizadores agradecen a todas as entidades e persoas que teñen traballado para facer realidade un ano máis esta proba, que se vai consolidando no calendario BTT –e que terá no mes de agosto a súa continuidade con outra proba de BTT polas rutas dos castros de Cualedro-, con especial mención o apoio que prestan Cruz Vermella e Protección Civil de Verín.

As inscricións poden realizarse na web: www.bttverin.com ou no teléfono 988 418 002. Os prezos van dende os 5 € para a rutas curta e longa (sen incluír o xantar) ata os 12 € e 15 € para o Paseo e as rutas (incluíndo o xantar).

25 de xuño de 2014 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.