A V Xornada Científica gaba o labor dos médicos forenses nunha xornada en Vigo
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, inaugurou esta mañá a V Xornada Científica da Asociación Galega de Médicos Forenses (AGMF) que se celebra na Delegación da Xunta en Vigo durante todo o día de hoxe. Estivo acompañada da vicepresidenta da Asociación Galega de Médicos Forenses, Beatriz Campos, e da directora do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), Beatriz Otero.
Bravo Bosch deu a benvida aos organizadores, conferenciantes e asistentes recordando que a primeira edición destas xornadas tivo lugar xa no ano 2010 na cidade de Ourense. Na súa intervención, a delegada gabou o labor dos médicos forenses e significou que o lema desta quinta xornada “Formación: dereito e deber” é “un reflexo dunha inquietude dos bos profesionais que ademais de querer formarse pensan que teñen a obriga de facelo e a vocación de dirixirse aos demais”, dixo.
A xornada de hoxe ten por obxectivo chegar a unha posta en común de aspectos relacionados coa área da medicina forense e está dirixido a médicos forenses e a psicólogos, traballadores sociais, policía científica, etc. No que respecta aos relatorios, tocarán diferentes ámbitos, tales coma o maltrato infantil, psiquiatría ou a mortalidade no consumo de cocaína, entre outros.
Por último, Bravo Bosch destacou o papel do Imelga no labor e día a día dos médicos forenses xa que, coma sinalou, “ten como misión prestarlles asistencia técnica aos tribunais, fiscalías e xulgados en materia de medicina forense nas distintas sedes, entre elas, a de Vigo”. Esta organización, integrada polos médicos forenses e persoal técnico e auxiliar, ven de recibir o “Premio Calidade da Xustiza 2013” outorgado polo Consello Xeral do Poder Xudicial recoñecendo o traballo dos seus profesionais a raíz do accidente ferroviario de Angrois do pasado 24 de xullo.











