A Unión de Consumidores e a Deputación de Pontevedra abrirán unha rede de asesoramento individualizado sobre a factura eléctrica
A Deputación de Pontevedra e a Unión de Consumidores de Galicia porán en marcha unha rede de 10 oficinas de asesoramento individualizado sobre a factura eléctrica e medidas de aforro noutros tantos concellos da provincia.
Así o anunciaron esta mañá Rafael Louzán, presidente da Deputación, e Miguel López, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, nunha rolda de prensa na que anunciaron a posta en marcha dunha campaña que, baixo o título “Electricidade: un camiño cara ó aforro”, pretende poñer algo de luz no complexo mercado eléctrico actual.
Campaña en dúas fases
A campaña constará de dúas fases: unha primeira, en marcha neste momento, que consiste nunha vintena de sesións informativas noutros tantos concellos da provincia, na que técnicos da Unión de Consumidores ofrecerán información sobre temas como: conceptos polos que se paga nunha factura de electricidade; as diferenzas entre o mercado libre e o mercado regulado e como saber cal convén máis; así como criterios para elixir o contrato, a tarifa ou a potencia que mellor se adapte á situación de cada consumidor e, en consecuencia, lle resulte máis económica.
A segunda fase consistirá na apertura –no mes de setembro- dunha decena de oficinas en todas as comarcas da provincia, para atender de forma personalizada aos usuarios que así o desexen. Trátase de que os técnicos da Unión de Consumidores analicen caso por caso e orienten aos consumidores nese “camiño cara o aforro” que dá título á campaña.
As oficinas abriranse en Lalín, A Estrada, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Cangas, Redondela, Ponteareas, Vigo e Tui.
Desconcerto
Neste sentido, o presidente da Deputación subliñou que se trata “de dar resposta a un dos problemas que máis preocupa aos cidadáns desta provincia nestes momentos, como é todo o referido á factura eléctrica”.
Así, lembrou que “se xa nos resultaba difícil entender qué nos cobraban en cada recibo, qué facer para que non siga medrando de forma exponencial… os últimos cambios normativos están provocando unha situación de gran desconcerto” que fai que sexan moitos os usuarios que teñen “múltiples dúbidas, desde se é preciso facer algún trámite para adaptar os nosos contratos ao novo cambio normativo, ata se é preciso cambiar o contador, pasando por canto se vai pagar, que tarifa é a mellor….”.
A tranquilizar e aclarar estas dúbidas non axudan precisamente, tal e como indicaron tanto o presidente da Deputación como o secretario xeral da Unión de Consumidores, as cartas, chamadas e demais comunicacións que están a realizar as compañías eléctricas.
De feito, Miguel López cualificou de “brutalmente agresivas” as técnicas comerciais que están empregando as comercializadoras do mercado libre, tratando de atraer aos clientes con advertencias de que se lles remata o prazo para asinar un novo contrato cando, en realidade “o usuario non ten que facer ningún cambio de contrato”.
Louzán destacou que é, precisamente, esta situación de desconcerto e de desconfianza xerado o que fai necesario “poñer en marcha un programa de actividades formativas e de asesoramento” que dean lugar a que “decenas de miles de pontevedreses” se poidan beneficiar dunha redución na súa factura enerxética.
Catro eixes para o aforro
Unha redución que virá, segundo indicou Miguel López, por 4 vías:
1º.- O tipo de contrato: para o cal tanto nas xornadas informativas como, sobre todo, nas oficinas de asesoramento, os técnicos da Unión de consumidores informarán sobre o contrato que máis se adecúa ás características do fogar e se lle convén máis o mercado regulado ou o mercado libre.
2º: Tipo de tarifas, de forma que o usuario poida saber se a tarifa que ten contratada é a que máis o beneficia ou se sería beneficioso cambiala.
3º.- Potencia: buscando que a potencia contratada se axuste á realmente utilizada polo cliente, dado que son moitos os casos nos que a potencia contratada é maior da necesaria e iso pode supor unha carga económica notable que non ten por qué estarse pagando. Neste sentido, Miguel López incidiu en que os contadores dixitais permiten saber con facilidade cal é a demanda real de potencia e esa debe ser a contratada. “Unha rebaixa dun tramo de potencia implica 61 euros ao ano menos en impostos engadidos”, asegurou.
4º.- Equipamento: que só debe cambiarse cando o que exista remate a súa vida útil, dado que do contrario non compensa.
Sensibilidade da Deputación
Miguel López quixo tamén agradecer o compromiso da Deputación e a súa “especial sensibilidade” cos problemas que máis preocupan aos cidadáns, dado que este tipo de iniciativas fai posible que moitas persoas que doutra forma non saberían a onde acudir, poidan resolver os seus problemas. Unha sensibilidade que Rafael Louzán estendeu coas alcaldes, cos que abordou a posta en marcha destas xornadas.











