A Tradescola celebra o fin de curso
Mañá xoves día 26 de Xuño a partir das 18.30 h., celebrarase na Praza de Santa María o concerto de fin de curso da Tradescola, no que actuarán alumnos e profesores de dito centro. Deste xeito, a escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos en Lugo, remata as clases de zanfona, gaita, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, técnica vocal, percusión, requinta, e linguaxe musical que se impartiron durante este curso e no que participaron máis de 230 alumnos.
No acto de fin de curso tamén se fará entrega dos premios aos 10 finalistas do II certame de debuxo para escolares realizado pola Tradescola o pasado mes de maio. Neste certame, que acadou unha moi boa participación, entregaron os seus debuxos sobre os instrumentos de música tradicional preto de 500 nenas e nenos dos distintos centros escolares do Concello de Lugo.











