A Tempada Lírica da Coruña responde á demanda histórica de contar máis tempo cunha programación estable

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+
Presentación da Tempada Lírica

Presentación da Tempada Lírica

O alcalde, Carlos Negreira, acompañado polo presidente da Deputación, Diego Calvo, a tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, o xerente do Consorcio para a Promoción da Música, Andrés Lacasa, a presidenta da asociación Amigos da Ópera, Natalia Lamas, e o director artístico, César Wonenburger; presentou esta mañá a nova Tempada Lírica da Coruña que recolle a testemuña do histórico Festival da Ópera da Coruña e do Festival Mozart e que nace co obxectivo de ofrecer, durante un período de tempo máis longo, de setembro a xuño, unha programación lírica estable, espaciada en varios ciclos.

Baixo a organización de Amigos da Ópera da Coruña e o Consorcio para a Promoción da Música, o rexedor destacou que se trata dun proxecto totalmente consensuado e que responde a unha demanda histórica das asociacións e da afección musical da cidade. “Adoitamos dicir que en Galicia é imposible unirse, que somos incapaces de formar equipos e traballar xuntos. A Tempada Lírica é o exemplo pola contra. Levamos un ano sumando ideas, talentos, enerxías e ilusións para deseñar un proxecto brillante que cubra unha gran demanda que existía de todos os amantes da música da cidade”, explicou e engadiu: “A Coruña é un referente musical. O é pola nosa Sinfónica, pola ópera, polas súas asociacións históricas e corais e, por suposto, pola súa gran afección. É unha das súas grandes fortalezas e esta Tempada Lírica vaise a converter nun novo reclamo para visitar a cidade”.

A programación orientarase en tres bloques: outono, inverno e verán; e a nova tempada, que arrincará o próximo 4 de setembro, ofrecerá cinco óperas, tres galas líricas, un Ciclo de Grandes Cantantes e un proxecto didáctico no que a figura principal será Alberto Zedda, que agora traslada á cidade o seu Curso de Interpretación Vocal.

  1. Óperas.
    1. La Traviata, de Giuseppe Verdi (setembro de 2014).
    2. Attila, de Giuseppe Verdi (xaneiro de 2015).
    3. La Fida Ninfa, de Vivaldi (abril de 2015).
    4. Ermione, de Rossini (xuño de 2015).
    5. La Flauta Mágica, (xuño de 2015).
  2. Galas Líricas.
    1. Homenaje a Richard Strauss (setembro de 2014).
    2. ¡Qué viva la zarzuela! (setembro de 2014).
    3. Concerto benéfico: Juan Jesús Rodríguez e amigos (xaneiro de 2015).
  3. Ciclo de Grandes Voces.
    1. Philippe Jaroussky (novembro de 2014).
    2. Rene Pape (xaneiro de 2015).
    3. Natalie Dessay (marzo de 2015).
    4. Leo Nucci (abril de 2015).
    5. Bryn Terfel (abril de 2015).
    6. Matthias Goerne (xuño de 2015).
  1. Ciclo Outras Voces, Outros Ámbitos, onde terán cabida propostas que se salguen en grao sumo común, e nas que se poderán apreciar a sobresalientes artistas vocais abordando xéneros como o da chanson, o musical ou a música folclórica.
    1. Carmen Romeu, Bagatelles (Desde Francia, con amor). En outubro de 2014.
    2. Francisco Corujo, Entre dos Orillas (De Italia a Latinoamérica). Setembro de 2015.
    3. Pinro de Vittorio, Unha notte a Napoli. Xuño de 2015.
  2. Ciclo de Novos Intérpretes.
    1. As novas voces galegas. Helena Abad, soprano (setembro de 2014).
    2. Concerto de alumnos do Curso de Interpretación Vocal de Alberto Zedda (outubro de 2015).
  3. Programa Pedagóxico.
    1. Curso de Interpretación Vocal de Alberto Zedda (setembro/outubro de 2015).
    2. Ópera en Familia: A Frauta Máxica no maxín, versión para monicreques e conxunto de vento. Os Monicreques de Kukas, Zoar Ensemble (xaneiro de 2015).
    3. Ciclos de Conferencias, Introdución á ópera, proxeccións…

“Gustaríame destacar, máis aló da súa calidade, o Proxecto Didáctico, que permitirá traballar na formación dos cantantes do futuro; o ciclo de Ópera en Familia, que levará a lírica aos máis pequenos, preparando ao público do futuro na apreciación das artes escénicas; ou o Ciclo Novas Voces Galegas, polo que seguirán pasando novos intérpretes da canteira, que nos próximos anos seguramente mostrarán o seu talento nas óperas que imos ofrecerlles”, explicou Carlos Negreira.

O alcalde da Coruña destacou que o novo proxecto, que se realizará cun descenso do 40% no custo, manterá e mesmo incrementará a súa calidade; e lembrou a relación histórica da cidade coa música: “A historia desta cidade está unida á música e á ópera. Aquí atópase o Palacio da Ópera, faro da lírica en Galicia e aquí viviu o mellor Don Giovanni español, o barítono Antonio Campou, cuxas virtudes como intérprete puideron ser recoñecidas polo propio Picasso cando canto a ópera de Mozart no soado Festival de Aix-en-Provence, na Provenza francesa.

2 de xuño de 2014 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.