A Sala de Exposicións de Verín acolle a mostra itinerante ’51 páxinas das nosas letras’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

A nova Sala de Exposicións de Verín acollerá mañá martes, ás 19.30 horas, a inauguración da mostra itinerante ’51 paxinas das nosas letras’, a cargo Miguel Santalices Vieira, vicepresidente 1º do Parlamento de Galicia, e María Corona Meixeira Romasanta, concelleira de Cultura de Verín.

A través dun deseño de paneis/páxina autoportantes e agrupados, simulando libros abertos, ’51 paxinas das nosas letras’ ofrécenos un paseo informativo de gran atractivo visual polos autores e as autoras homenaxeadas co Día das Letras Galegas desde a institucionalización da efeméride no ano 1963. Cada autor aparece representado por unha medalla conmemorativa do debuxante ferrolano Siro López e o escultor Manuel Ferreiro Badía, que forman parte da colección do Parlamento de Galicia. Así mesmo, conta cunha breve biografía de cada un dos/as homenaxeados/as ao longo deste medio século de historia. A mostra complétase cun vídeo divulgativo, sobre á historia e o significado do Día das Letras Galegas, protagonizado por Francisco Fernández del Riego.

Esta exposición itinerante, que se poderá visitar ata o 25 de xuño, está organizada polo Parlamento de Galicia, Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, Real Academia Galega, e conta coa colaboración do Concello de Verín.

A Sala de Exposicións de Verín (rúa Irmáns La Salle, entre a Casa da Cultura e a Oficina de Turismo) está aberta ao público de luns a sábado das 10 ás 14 e das 17 ás 20.30 horas.

16 de xuño de 2014 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.