A rúa Castelao de Monforte terá sentido único de circulación
A concellería de Tráfico informa que, por petición veciñal, procedeu a estudar a posibilidade de que a rúa Castelao da nosa cidade teña sentido único de circulación.
Trátase dunha rúa de reducido ancho na que pode estacionarse nunha das súas marxes. Esta situación dificulta en gran medida a circulación de vehículos en dúas direccións.
Co obxecto de poder manter o estacionamento de vehículos nunha das marxes da rúa e a finalidade de garantir a seguridade dos peóns e dos automobilistas, a concellería de tráfico decidiu que esta rúa teña sentido único de circulación, dende a rúa do Reboredo e cara á rúa Escultor Francisco Moure.
En vindeiras datas o Concello procederá a sinalizar a dirección única da rúa Castelao, instalando un sinal de prohibido o paso na confluencia coa rúa Escultor Francisco Moure.











