A representación dos tres porquiños supera o medio milleiro de espectadores
Máis de 500 persoas disfrutaron da última función, antes do comezo do verán, do programa Ocio en Familia que levou por título Os tres porquiños e foi interpretada pola compañía Educateatro. Con motivo da Festa da Rosa, a concellería de Educación e Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón organizou tres actividades enmarcadas no programa Ocio en Familia, entre elas o espectáculo Os tres porquiños.
Os tres porquiños é unha obra teatral representada polos monecos protagonistas do conto a tamaño real. Ademais conta con diversas cancións ilustrativas de cada parte do conto. A representación conta con unha lograda posta en escena a través dos decorados, das personaxes e das súas cancións e coreografías.
A actividade estivo organizada e dirixida cunha metodoloxía dinámica e participativa, onde todos/as os membros da familia, calquera que fose a súa idade, puideran gozar do espectáculo.
Os obxectivos desta actividade eran ofrecer alternativas de ocio saudable para todos os públicos, promover a participación e o divertimento dos mosenses na festa oficial de Mos, evitar o ocio consumista cada vez máis estendido, mellorar e aumentar os momentos de lecer compartidos, proporcionar ferramentas aos mosenses para a súa propia xestión de ocio saudable, propiciar a interactuación e o contacto entre a poboación do municipio e fomentar o coñecemento sobre a festa oficial do municipio de Mos.











