A Rede de Innovación de Arteixo organiza dous talleres sobre comercio electrónico e eficiencia enerxética
Os talleres que o vindeiro xoves 19 organiza a Rede de Innovación de Arteixo (promovida polo Concello e a Escola de Organización Industrial, e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e o Ministerio de Industria) estarán dedicados á eficiencia enerxética e á venda online. No primeiro caso, María Lorenzo Lodeiro, responsable de Schneider Electric exporá os “Servizos para unha boa xestión enerxética” durante a actividade que se desenvolverá no Centro Arteixo Innovación de 12.20 a 14.00 horas. Entre outros temas, analizarase a norma ISO 50001 ou as diferentes plataformas de xestión da enerxía. Pola tarde, entre as 19.00 e as 21.00 horas no mesmo foro, os expertos en comercio electrónico e redes sociais, Manuel Igrexas e Verónica Ramallal, dirixirán a conferencia “A venda online. Claves para unha implantación exitosa” dirixida ao sector do comercio, así como a pemes e emprendedores en xeral, que xa teñan ou queiran implantar unha plataforma de venda en Internet. Os obxectivos do taller son dar a coñecer as diferentes tecnoloxías usadas para o comercio electrónico, profundar en aspectos crave de dinamización ou analizar a operativa do comercio electrónico e as estratexias de fidelización máis eficaces.











