A Rede de Innovación de Arteixo oferta as últimas 20 prazas para asesorías individuais para pemes
A Rede de Innovación de Arteixo abre unha nova convocatoria para que pemes, emprendedores e asociacións de empresarios de Arteixo soliciten a súa participación nas asesorías individuais destinadas a mellorar os seus negocios. O prazo de inscrición está aberto até o vindeiro luns 30 de xuño.
Tal e como xa se comentou, os beneficiarios desta acción gratuíta son empresas de todos os sectores industriais de Arteixo, incluído o sector portuario e loxístico asociado á construción do Porto Exterior de Punta Langosteira; así como asociacións de empresarios ou emprendedores situados no mesmo municipio.
As últimas 20 pemes, asociacións de empresarios ou emprendedores seleccionados nesta convocatoria participarán nun programa de 80 horas de asesoramento individualizado. Durante estas consultorías identificaranse as súas necesidades tecnolóxicas e de innovación en áreas crave e estableceranse propostas de mellora e aproveitamento das fortalezas de cada negocio. Até o momento, máis de 60 negocios con base no municipio xa se están beneficiando deste servizo gratuíto.
Para solicitar información relacionada con esta convocatoria que finaliza o 30 de xuño, os interesados poden contactar no email RedInnovacion_Arteixo@eoi.es ou no teléfono 981 641 095. Tamén pode dirixirse ao persoal da oficina da Rede de Innovación, situada no Centro Arteixo Innovación (zona deportiva e escolar) en horario de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.30 horas de luns a xoves; os venres só pola mañá.
Servizos gratuítos para pemes e emprendedores
A Rede de Innovación de Arteixo é unha iniciativa de apoio a emprendedores e empresas promovida polo Concello de Arteixo e a Escola de Organización Industrial (EOI), cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.
Con este fin está a desenvolverse este programa de consultorías personalizadas para 80 empresas e un completo calendario de talleres sectoriais para fomentar a cultura innovadora e o desenvolvemento de novas ideas entre os profesionais de Arteixo e de concellos limítrofes.











