A Rede de Innovación de Arteixo mostra a aplicación dos composites
O programa de talleres sectoriais da Rede de Innovación de Arteixo (promovida polo Concello e a Escola de Organización Industrial, e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e o Ministerio de Industria) continúa mañá xoves en distintas horas para facilitar a asistencia do público ao que van dirixidos. Pola mañá, a partir das 12.00 horas, Pedro Sánchez, director de Ixo Enxeñaría conducirá o taller denominado “Novos materiais para o sector industrial: composites e derivados”. Ixo Enxeñaría é, actualmente, a única empresa de Galicia que utiliza Prepreg, carbono preimpregnado con resina incorporada, na fabricación dos seus produtos entre os que se atopan as táboas de longboard máis caras de mundo destinadas a competición, skates ou as espinilleras que levan futbolistas como Cristiano Ronaldo, David Vila, Diego Costa, Rafiña ou Luís Suárez da selección de Uruguai, entre outros.
O composite, avanza Sánchez, está destinado a ser o material do século XXI tal e como no XX foi o plástico. Pola tarde, de 16.00 a 17.00 horas, os interesados na temática poderán participar nunha visita guiada ao Laboratorio de Plásticos, situado no Centro de Investigacións Tecnolóxicas no Campus de Esteiro (Ferrol). Alí coñecerán os avances en materia de polímeros, compostos e derivados, así como novos materiais de aplicación industrial. No Centro Arteixo Innovación, á mesma hora (de 16.00 a 17.40 horas), presentarase o caso de estudo da empresa construtora Desenvolve que conseguiu sortear a crise do sector grazas a un novo modelo de negocio que aposta por unha vertente máis comercial.
O relator invitado é Andrés Fernández Vidal, técnico da firma, que dirixirá o taller “Fórmulas innovadoras no sector da construción: caso de estudo Desenvolve”. O último dos tres talleres da xornada, de 18.00 e as 19.40 horas, está dedicado á venda online de produtos alimentarios sustentada nun sólido concepto educativo como é o caso da plataforma 5 sensatos que presentará o socio e fundador, Guillermo Taboada. O relator explicará a filosofía “gastronomía sensata” e o modelo de funcionamento da súa empresa durante o taller “Novas fórmulas para a comercialización de produtos agroalimentarios a través da venda online. Caso de estudo 5 Sensatos”.











