A Rede CeMIT de San Sadurniño organiza dúas charlas sobre comercio electrónico e reputación en Internet
A Aula Cemit de San Sadurniño retransmitirá por videoconferencia dúas charlas desde o Centro Demostrador TIC de Santiago de Compostela (CDTIC). A primeira delas, programada para o martes 10 de xuño, céntrase nos aspectos legais do comercio electrónico, mentres que a segunda -organizada para o martes 17- ocuparase dos aspectos claves para obter unha boa reputación dixital na rede. A solicitude de inscrición pode facerse directamente na Aula CeMIT ou a través da plataforma da rede, na que cómpre darse de alta previamente.
Estas videoconferencias están dirixidas a pemes e profesionais por conta propia, aínda que están abertas ao público en xeral. Os horarios son os seguintes:
Aspectos legais do comercio electrónico: martes, 10 de xuño, de 16 a 20 horas
· Reputación na rede: martes, 17 de xuño, de 16 a 20 horas
A charla sobre comercio electrónico impartiraa o profesor e investigador Víctor Salgado, quen falará sobre a Lei de servizos da sociedade da información, dos procedementos de contratación electrónica ou, entre outros temas, dos aspectos xurídicos que cómpre ter en conta cando se ten presenza en redes sociais. Ademais, o poñente tamén exporá algúns exemplos e dará recomendacións axeitadas para distintos sectores de actividade.
Por outra banda, o empresario Víctor Gómez falará o 17 de xuño sobre a imaxe que se transmite a través de internet e de que maneira se constrúe unha reputación que, queiramos ou non, influirá en como nos ve o noso público obxectivo. Neste sentido daranse orientacións sobre as cousas que se deben e non se deben facer e tamén sobre como afrontar unha crise de reputación nas redes sociais.
Para obter máis información sobre estas charlas por videoconferencia ou solicitar a inscrición nalgunha delas -ou nas dúas- hai que dirixirse á Aula CeMIT do Concello de San Sadurniño, chamar ao 616 016 793, enviar un correo a cemit.sansadurnino@xunta.es ou ben acceder á web cemit.xunta.es, onde podemos darnos de alta tanto para esta como para outras actividades.











