A recadación da actuación do barítono Juan Jesús Rodríguez destinarase a un proxecto solidario
O barítono Juan Jesús Rodríguez subirase o vindeiro sábado, día 14, a partir das 20:30 horas ao escenario do Auditorio de Ferrol para ofrecer o seu espectáculo “Bailar, cantar…soñar”. Tódolos fondos que sexan recadados coa actuación serán destinados á asociación benéfica “Kiva Mirando a India” que traballa para a infancia no estado de Karnataka (India), concretamente na aldea de Belagola. As entradas están xa a venda no despacho do Teatro Jofre e na páxina www.ferrol.es (Apartado Axenda Cultura). O prezo das entradas é de 12 euros.
Juan Jesús Rodríguez colabora coa iniciativa “Salvamos vida financiando a súa educación”, que ten por obxectivo facer chegar un mundo de oportunidades aos máis necesitados da India a través da escolarización de nenos/as, financiando a súa atención médica e a das súas familias, e facilitando clases de inglés para o seu desenvolvemento. Un total de 50 nenos e nenas da aldea de Belagola se benefician xa deste proxecto solidario. Coa súa actuación no Auditorio de Ferrol, Juan Jesús Rodríguez quere recadar fondos para continuar con este proxecto. O concerto forma parte do ciclo “Ferrol en clave lírica”, programado pola Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, que dirixe Manuel-Reyes García Hurtado, e iniciado o pasado mes de abril pola prestixiosa soprano Ainhoa Arteta.











