A Rabuda Uno gaña o Gran Trofeo Faro de Corrubedo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesPorto do Son
A-
A+

Excelente día de regata o vivido hoxe domingo nas augas da Ría de Muros-Noia, epicentro da recta final á XV edición da Regata Ramiro Carregal Rey. O Gran Trofeo Faro de Corrubedo, que neste 2014 cumpriu as súas vodas de bronce, foi para o veleiro armado e patroneado por Fernando González, a Rabuda Uno. Tras 15 anos, a regata que promove Ramiro Carregal, segue sendo un dos referentes da clase Cruceiro na comunidade galega.

Este segundo día estaba dedicado ás probas técnicas. Tras a proba costeira celebrada o sábado, co trazado que levou á flota da Carregal da Ría de Arousa á de Muros-Noia, a xornada dominical albiscaría dúas mangas dispostas ao vento, onde a destreza de tripulacións e patróns, son esenciais para alcanzar o éxito.

A Rabuda Uno partía como favorito ao facerse onte co liderado provisional da clasificación xeral. Pero o veleiro de González tiña que defender hoxe o rating do seu Dufour 34 en distancias curtas. Ao final non houbo dúbidas. O veleiro do Real Club Náutico Portosín levou as dúas mangas, rexistrando tres primeiros entre costeira e bastóns. leva a xeral da XV Regata Ramiro Carregal Rey e a do seu grupo de Cruceiro-Regata. Segundo nesta división foi o Ziralla Primeiro, de Ramón BarReyro, do Club Náutico de Barraña. E terceiro foi o Kanala, de Ignacio Ecenarro, tamén de Portosín.

En Regata, o vencedor foi o Oral Group, de Pedros Pazos, do Real de Portosín. O barco de Pazos tamén venceu no tres probas. Segundo foi os Desguaces Santorum, de Javier Durán, do Club Marítimo de Vilagarcía. E terceiro o Siradella, do César Álvarez, de Portosín.

Por último, na clase Cruceiro o vencedor foi o Sara, de Rafael Branco, do RCN Portosín. Gañou as dúas mangas do domingo, e foi segundo na sabatina. Segundo foi o Arroas, de José Manuel Pombar, da Escola de Vea Mar de Arousa. E terceiro o Piko Norte, de María José Seoane e José Manuel Castro.

A entrega de premios levou a cabo no Salón Principal do Real Club Náutico Portosín, coa presenza de Ramiro Carregal Rey, acompañado do presidente do club, Fernando González e a súa xunta directiva, así como o alcalde de Porto do Son, Luís Oujo Pouso; e o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde e outras autoridades.

O Gran Trofeo Faro de Corrubedo, organizado polo Real Club Náutico Portosín, contou coa colaboración de Club Náutico e Deportivo de Riveira e a Federación Galega de Vela.

30 de xuño de 2014 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.