A primeira “Empolada” do Reperkusión xa prepara 10.000 globos de auga, 500 quilos de fariña e confeti de plumas
O Reperkusión anuncia a dúas semanas da celebración da súa 12ª edición un novo plato forte: a Empolada, “o xogo máis salvaxe da historia do festival”, en palabras do seu director, Emilio Oro. Todas as persoas que asistan ao Reperkusión, que se celebrará os días 11, 12 e 13 de xullo na Cidade dos Muchachos de Bemposta (Ourense), e teñan ganas de refrescarse, de pasalo ben e de converterse en polos por un día poderán participar neste divertido concurso que comezará cunha refrescante batalla, para a que a organización porá a disposición dos participantes máis de 10.000 globos de auga. Unha vez empapados, os participantes continuarán a guerra con 500 quilos de fariña. E despois pasearán ata o corral, onde serán rociados con confeti de plumas. Os 200 mellor caracterizados recibirán un pico de recoñecemento co que rematarán totalmente empolados. E, de entre eles, o público elixirá o Rei Polo e a Raíña Pola nunha cerimonia dirixida polo Leo i Arremecághona. O popular músico galego, que forma parte de múltiples proxectos como Labregos do tempo dos Sputniks ou Das Kapital, actuará como Polo de Cerimonias, marcando as normas deste tolo xogo de tronos. Os Monarcas Polos recibirán un Bono Pandilla, para acudir xunto co seu séquito ao Reperkusión 2015.
O XII Festival Reperkusión contará coas actuacións estelares de Muchachito Bombo Inferno, que chega a Galicia acompañado dos seus compadres, e de Manu Chao La Ventura, que repiten, por terceiro ano, cun dos seus maratonianos concertos de máis de dúas horas de grandes éxitos. Completan o cartel outros 24 grupos de música e artistas de circo e teatro chegados dos lugares máis diversos, como os berlineses Dirty Honkers, os checos N.O.H.A., os franceses Kimbala ou o portugués Daniel Lança coa Barcelona Street Orkestra. Tamén os canarios Kuarembó, os vallisoletanos Curioso Periplo, os portugueses Crassh e os africanos Djolé Djembé Booma. A presenza galega será como sempre numerosa, variada e de calidade: Terbutalina, Cuchufellos, The Turre’s band, La Banda de Andrelo, Los Bichis, Colectivo Bomba, Funkombo e Hadri Hache, no musical e 8mm Teatro, Supergalácticos e os incríbles números circenses de Troupe Sky, no escénico. Durante o día, actividades de diversas disciplinas encherán as rúas da Ciudade dos Muchachos: xogos, obradoiros, ioga da risa, a tradicional Olimpiada de Malabares e música, moita máis música.
As entradas para os concertos de noite están á venda na web www.reperkusion.com por 15 € máis gastos. Os abonos para toda a fin de semana poden mercarse por 25 € máis gastos. E, ata o día 1 de xullo, os grupos de 4 persoas teñen prezos especiais. Como en anos anteriores, só son de pago os concertos da noite no escenario principal. O resto resto da programación é toda gratuíta.
Buses dende as vilas de Ourense
A organización ofrécelles, un ano máis, ás persoas que viven en Allariz, Carballiño, Celanova, Lalín, Maceda, Monforte, Ribadavia, Verín ou Xinzo a posibilidade de ir ao Festival Reperkusión en bus compartido. As persoas interesades deben reservar a súa praza antes do 8 de xullo, escribindo a autobus@reperkusion.com, xa que só hai 55 prazas en cada bus e os buses só sairán se hai reservas suficientes. Os buses sairían de cada unha desas cidades o venres ás 20h30 e o sábado ás 17h e voltarían dende Bemposta cada noite ás 05h30. O prezo sería de 6 euros/día, ida e volta.
Ademais deste servizo de buses, o Festival Reperkusión ofrece dentro da novidosa proposta do Bono Pandilla buses gratis para aqueles grupos de 50 persoas ou máis que se despracen ata o festival dende a mesma vila de Ourense. As pandillas que queiran facer uso desta oferta, poden escribir ao mesmo correo-e, autobus@reperkusion.com, antes do día 1 de xullo.
A organización disporá tamén dunha zona de aparcamento no Pavillón Paco Paz pola que pasarán os máis de 100 buses cos que Urbanos de Ourense unirá a cidade e Bemposta durante todo o festival. A organización ofrecerá máis información ao respecto nos próximos días.











