A presidenta do SEOM e Mariano Barbacid clausuran os Martes Clínicos da Rosaleda
A próxima semana clausurarase o curso 2013-2014 dos Martes Clínicos da Fundación La Rosaleda que volveron a tratar o cancro. Dous relatores de excepción pecharán o ciclo, a Dra. Pilar Garrido, presidenta da Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM) e xefa de Sección de Oncoloxía Médica do Hospital Ramón y Cajal de Madrid, e o Dr. Mariano Barbacid, ex-presidente do CNIO e un dos máis recoñecidos investigadores do noso país.
A conferencia de Pilar Garrido, titulada “Presente e futuro do cancro de pulmón”, terá lugar o martes 17 de xuño, ás 19:30 h no Auditorio do Hostal dos Reis Católicos de Santiago. A presidenta da SEOM explicará os avances logrados nos últimos anos no tratamento dun dos tumores máis devastadores e cuxa incidencia segue aumentando.
Pola súa banda o ex-presidente do CNIO, Mariano Barbacid, porá o xoves, 19 de xuño, o punto e final aos Martes Clínicos cunha charla titulada “Da Oncoloxía molecular ás terapias personalizadas: impacto na práctica clínica”.
O relatorio do profesor de Oncoloxía molecular e xefe do grupo de Oncoloxía Experimental do CNIO terá lugar tamén no Hostal Parador de Santiago pero na Capela Real, onde tras a conferencia terá lugar a entrega de diplomas aos alumnos das facultades de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago matriculados no ciclo.
Relatores deste curso
As conferencias de Pilar Garrido e Mariano Barbacid completarán un programa no que interviñeron tamén os Dres. García-Foncillas e Antonio González Martín. Jesús García-Foncillas, xefe de Oncoloxía do Hospital Universitario Fundación Jiménez Díaz, abriu os Martes Clínicos cun relatorio sobre desenvolvemento de novos fármacos en cancro, mentres que o Dr. González Martín, xefe de Oncoloxía Médica da MD Anderson Cancer Center en Madrid, falou sobre “Prevención e avances no tratamento do cancro da muller”.











