publicidade hoxe

A praia fluvial de Ponte Caldelas comeza a tempada de baño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

A praia fluvial da Calzada, en Ponte Caldelas, inicia a tempada estival co cualificativo de “excelente”, segundo o resultado da analítica practicada polo Programa de Vixilancia Sanitaria que realiza en Galicia a Consellería de Sanidade nas áreas habilitadas para o goce das zonas de baño. Ademais a partir do 1 de xullo contará coa contratación dun socorrista para os meses de xullo e agosto.

O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, manifestou a súa satisfacción polo resultado da analítica practicada durante 2013 e sinalou que é unha constante que leva producindo na Calzada desde que se habilitou oficialmente como zona de baño, en 2001 e que vén corroborar o excelente estado de salubridade das augas do río Verdugo ao seu paso pola localidade.

Durante os últimos días, os operarios do Concello procederon a realizar labores de limpeza e mantemento nas inmediacións da praia fluvial, a propia canle e  paseo do río e nas instalacións para a práctica deportiva do voley-praia, tenis de mesa, etc., o parque infantil e o biosaludable existente xunto aos baños públicos e o bar-chiringuito para que estean en perfectas condicións de uso para o inicio da tempada estival.

A praia fluvial da Calzada contará tamén cun socorrista durante os meses de xullo e agosto, que estará encargado de velar pola seguridade dos usuarios nas zonas acoutadas para a práctica do baño.

A contratación deste socorrista está incluído dentro dos programas de cooperación postos en marcha pola Xunta de Galicia co fin de contribuír ao seu financiamento e é un elemento máis nos servizos que ofrece a praia fluvial de Ponte Caldelas.

AUGAS CON CUALIFICATIVO DE “EXCELENTE”

Por outra banda, a Consellería de Sanidade, a través do Programa de Vixilancia Sanitaria somete a un rigoroso control e analítica, con periodicidade quincenal, ás augas da praia fluvial da Calzada. Desde o ano 2001 sempre obtiveron o cualificativo de “excelente” o que vén corroborar o bo estado das mesmas para tranquilidade dos usuarios e orgullo dos veciños de Ponte Caldelas.

Os resultados da analítica son expostos no taboleiro de anuncios situado na propia praia fluvial da Calzada, co fin de que os usuarios poidan consultalos en todo momento e comprobar a idoneidade desta auga para a práctica do baño. A analítica renóvase cada 15 días e os seus resultados tamén poden ser consultados a través de internet na web da Consellería de Sanidade.

A actuación realizada nos últimos anos polo Concello de Ponte Caldelas na área recreativa da Calzada converteuna nun lugar de referencia para o baño fluvial en toda Galicia. Como en ocasións anteriores, operarios municipais procederon a preparar a zona para a tempada estival con labores de limpeza e mantemento que afectaron non só á contorna senón tamén ao mobiliario urbano existente nos arredores.

Ademais, a praia atópase situada ao final do paseo fluvial, e conta con aparcadoiro e lugares para o paseo e goce da natureza. É tamén zona habitual de pesca deportiva e nela opera durante o período estival un bar-chiringuito  con aseos que atende as demandas do público que utiliza nos días de bo tempo este enclave turístico e de descanso de primeira orde.

27 de xuño de 2014 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.