A praia da Concha-Compostela acollerá as probas de selección dos 11 socorristas acuáticos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Servizo Público de Emprego convocou a 38 persoas para participar nas probas para seleccionar aos 11 socorristas acuáticos que prestarán servizo nas praias de Vilagarcía durante a temporada de verán. As probas desenvolveranse mañá, venres, 27 de xuño, mediante o sistema de concurso-oposición e consistirán na realización dunha proba teórica e outra práctica. Esta última basearase nun simulacro de salvamento acuático dun bañista. A previsión que o servizo de vixilancia das praias comece o 1 de xullo.

Os once socorristas dos que disporá este verán o Concello para prestar servizo nas praias serán contratados a través do Programa de Cooperación da Xunta de Galicia e encargaranse das labores de vixilancia e rescate nas praias da Concha-Compostela, O Preguntoiro e O Campanario.

Os aspirantes están citados para as 9 da mañá para a realización dunha proba teórica no Auditorio na que, mediante a realización dun test de 20 preguntas, deberán demostrar os seus coñecementos sobre salvamento, primeiros auxilios, actuación en accidentes e mesmo sobre a normativa sobre Bandeira Azul, un aspecto a ter en conta dado que as praias do Campanario (Bamio) e do Preguntoiro (Vilaxoán) dispoñen deste distintivo. Tamén terán que realizar dúas traducións de galego a castelán e viceversa.

Pero a parte máis espectacular da selección será a que se celebre a partir das 10:30 horas nos areais da Concha Compostela, onde os candidatos deberán poñer en práctica as súas habilidades. O simulacro de salvamento ao que se someterán inclúe a realización dunha carreira de 100 metros pola area, entrar na auga e nadar 100 metros ata chegar ao bañista que simula afogarse. Os candidatos deberán realizar zafaduras e controlar ao accidentado, remolcándoo con seguridade ata a beira onde terán que realizar unha manobra de RCP (reanimación cardio pulmonar) a un maniquí.

O xurado valorará os tempos realizados por cada aspirante, a seguridade do rescate e técnica e eficacia da manobra de RCP.

Na fase de concurso puntuaranse aspectos como a posesión do título de patrón de embarcación de recreo, título de navegación básica, formación especializada en desfibrilador semiautomático ou de técnico de transporte sanitario.

26 de xuño de 2014 | 10:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.