A Policía Nacional despregará 40 axentes para plans específicos de seguridade en Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press
Axentes policiais en Vigo

Axentes policiais en Vigo

O Corpo Nacional de Policía despregará entre 35 e 40 axentes en Vigo, destinados a plans específicos de seguridade con motivo do verán, con controis nas praias (incluídas as illas Cíes), zonas comerciais e de lecer, e áreas forestais, segundo explicou o portavoz da Comisaría de Vigo-Redondela, Pablo Pallarés.

Así, estes plans desenvolveranse entre o 1 de xullo e o 31 de agosto (excepto o ‘Plan Lume’, de prevención de incendios forestais, que se amplía até o 30 de setembro), co obxectivo principal de fomentar o turismo seguro en zonas de especial concorrencia de xente.

Ademais da presenza de axentes en todos os areais de Vigo e Redondela, haberá dispositivos especiais de control en zonas de lecer nocturno, para evitar consumo de estupefacientes e exceso de alcol, así como os problemas de violencia que poidan derivarse deses consumos.

Así mesmo, en colaboración coa Policía Local, extremarase a vixilancia nas zonas comerciais do centro da cidade e no Calvario, para a prevención de roubos e furtos; e incrementarase o control en zonas estratéxicas, como Porto, aeroporto, estación de autobuses e de tren, en prevención de posibles atentados terroristas.

No que respecta ao ‘Plan Lume’, axentes da Policía Nacional percorrerán as zonas forestais de Vigo e Redondela en moto e todoterreo para previr incendios. Este verán, por segundo ano, os axentes contarán co reforzo dunha unidade de cabalaría (sete axentes cos seus cabalos), que permiten unha presenza silenciosa nos montes para disuadir e, no seu caso, sorprender a posibles incendiarios.

CONSELLOS

Á marxe do despregamento policial, Pallarés lembrou que os cidadáns poden evitar problemas durante o verán seguindo uns sinxelos consellos: non perder de vista as pertenzas cando se está na praia, de compras, ou nunha terraza; evitar o consumo excesivo de alcol, que pode desembocar en episodios de violencia; etc.

Así mesmo, a Policía recomenda a aquelas persoas que teñan previsto viaxar, que comproben a validez do seu DNI e pasaportes, con antelación suficiente.

26 de xuño de 2014 | 12:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.