A Policía Local da Coruña controlou 110 motocicletas na última campaña especial da DXT

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da área de Seguridade e Mobilidade que dirixe Julio Flores, informa os resultados da Campaña Especial sobre Control de Motocicletas da Dirección Xeral e Tráfico (DXT) que se desenvolveu entre os días 19 e 25 de maio. A Policía Local efectuou un total de 110 controis e no 95,5% dos casos cumpríronse todos os requisitos para circular.

Do total de motocicletas controladas durante esa semana, rexistráronse 5 denuncias das que, por exemplo, dúas foron por temas relacionados coa ITV; unha por dar positivo na proba de alcoholemia; e outra por carecer de seguro. A campaña centrouse na vixilancia e o control dos seguintes aspectos: adiantamentos antirreglamentarios, caducidade da ITV, non uso do casco e exceso de velocidade, que constitúen os principais factores de risco, así como a maior parte das infraccións. De feito, un dos aspectos nos que se incidiu foi na importancia do uso do casco, xa que a súa utilización aumenta nun 20% as probabilidades de saír ileso nun accidente -en 2012, catorce dos 94 falecidos en motocicleta non levaban casco-.

O obxectivo da campaña centrouse en reducir o número de feridos e falecidos en accidentes de circulación en motocicleta, tendo en conta que, entre o ano 2003 e 2012, o uso deste vehículo como alternativa ao automóbil, especialmente en desprazamentos urbanos, incrementouse un 88%, mentres que o número de accidentes, no mesmo período, duplicouse. Grazas a este tipo de campañas, conseguiuse que desde 2008 vaia descendendo, de forma paulatina, o número de falecidos que conducían unha motocicleta.

4 de xuño de 2014 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.