A plataforma de afectados por cláusula do solo e abusos bancarios de Vigo trasládase a protestar a Tui
O grupo protestou o xoves día 12 de xuño no Banco Pastor de Tui (R/Augusto González Bicada, n º 1), caracterizados con sogas ao pescozo para simbolizar a cantidade de afectados por abusos bancarios que se quitaron a vida como medida desesperada ante as súas perentorias débedas.
A plataforma considera que se lle está dando unha repercusión mediática nula ao feito de que moitas familias afectadas teñen unhas secuelas psíquicas que en moitos casos incitan a provocarse a morte.
A razón de achegarse a Tui é que unha integrante da plataforma é directamente afectada por esta oficina do banco Popular. Esta activista foi desafiuzada polo Banco, e a día de hoxe non ten aínda a documentación que lle confirma a débeda actual.
Ademais, a entidade non cambiou de nome a casa no rexistro, conque os impostos da mesma seguen ao seu nome a pesar da súa delicada situación. É importante sinalar que esta escritura hipotecaria estaba infestada de cláusulas abusivas (como a cláusula do solo, na que o banco Popular colleita os máis altos de Galicia e que converte as hipotecas en tipo variable a un fixo moi por encima do euribor actual, baixo mínimos históricos).
A plataforma pediu no seu nome a dación en pago ou condonación da débeda, por medio dun escrito que se trasladou a Madrid e por cuxa resposta levan meses esperando.
A lei hipotecaria española aboca aos desafiuzados a perder a súa casa e quedar obrigados ademais por unha débeda millonaria, que lles fai imposible a reinserción económica. O único que se pide neste caso é que se libere á compañeira do pago co que carga tras a traumática experiencia de perder a súa casa e con ela, os aforros de toda a súa vida.











