publicidade hoxe

A planta de CEPSA en Maside vive un exercicio de adestramento do Plan de Emerxencias exterior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMasideOurense
A-
A+
Exercicio do Plan de Emerxencia na planta de Maside

Exercicio do Plan de Emerxencia na planta de Maside

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, asistiron esta mañá no concello ourensán de Maside a un exercicio de adestramento no que se simulou unha emerxencia por accidente na planta de Cepsa Comercial Petróleo.

O simulacro consistiu na activación do Plan de Emerxencia Exterior (PEE), coa participación dos diferentes grupos operativos, a empresa e as administracións públicas implicadas para atender a varios feridos a consecuencia dunha explosión de gas propano. En total participaron un cento de profesionais de emerxencias, como os bombeiros de Carballiño, voluntarios de Protección Civil de Carballiño e Ribadavia, Policía Autónoma, Garda Civil e persoal do 061, entre outros.

Así mesmo fíxose soar a serea, que no caso dunha activación real do Plan serviría como elemento de aviso á poboación, que como primeira medida procedería o seu confinamento á espera de recibir instrucións por parte dos servizos de Protección Civil.

A realización deste exercicio permitirá mellorar a coordinación dos organismos participantes e que a poboación da zona de Maside afectada por un hipotético accidente se familiarice co son da serea e sexa capaz de identificalo no caso de activación do PEE.

Política de prevención

Tanto o director xeral de Emerxencias como o delegado da Xunta destacaron a importancia de apostar pola prevención, como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias, liña na que se enmarcan os PEE elaborados polo Goberno galego. O de Maseda é o cuarto simulacro dun plan de emerxencia por accidente nunha industria química, dende que en 2013, a Xunta apostase por esta importantísima liña de actuación.

O obxectivo dun PEE é determinar os posibles riscos das instalacións industriais e ter preparada a resposta axeitada para minimizar as consecuencias en caso de producirse un accidente que poda afectar as persoas e ó medio ambiente, establecéndose as medidas idóneas de protección a poboación, os recursos humanos e materiais necesarios para a súa aplicación e o esquema de coordinación das autoridades, organismos e servizos que podan intervir. A realización dos simulacros, permite a efectiva implantación dos plans e a súa mellora a través das experiencias obtidas no desenvolvemento dos mesmos.

18 de xuño de 2014 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.