A película galega Máscaras proxéctase na Bienal de Arte Contemporánea da Fundación Once en Madrid

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O documental galego ‘Máscaras’, realizado co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, exhíbese esta tarde en Madrid como parte da programación cinematográfica da ‘V Bienal de Arte Contemporáneo’ que organiza a Fundación ONCE. A proxección terá lugar ás 20.00 horas na Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas dentro do ciclo ‘Cine y discapacidad’.

Dirixida por Iago González, ‘Máscaras’ é unha produción de EnImaxes para IG Documentación que narra o proceso de preparación, ensaios e rodaxe da curtametraxe ‘Calcetin(es)’ por un grupo de persoas con diferentes graos de discapacidade intelectual e sen experiencia previa no ámbito cinematográfico. A Consellería de Cultura e Educación contribuíu ao seu financiamento cunha achega de 35.000 euros, adxudicados en 2009 a través da convocatoria de axudas da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) á produción de longametraxes.

Proxecto revelador

Presentado en Madrid como un dos “experimentos máis singulares e reveladores do cine español nos últimos anos”, o proxecto ‘Máscaras’ desenvolveuse ao longo de catro anos sumando preto de 300 horas de gravación, durante as que o equipo seguiu os cinco protagonistas desta historia: Manuel Penido, Eva Fernández, Miguel Fernández, Amparo Díaz e Mireya Delgado.

Como compañeiros no obradoiro audiovisual que organiza unha asociación dentro das súas actividades de ocio, os cinco intérpretes involúcranse na gravación dunha curtametraxe de intriga, amor e humor. ‘Máscaras’ é a historia deste reto, de como un grupo de persoas, coas súas distintas capacidades, aprenden a colaborar e asumen a responsabilidade de sacar adiante o seu propio proxecto audiovisual.

13 de xuño de 2014 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.