A parada de taxis do ambulatorio de San Roque será desprazada por motivos de seguridade viaria
A parada de taxis do centro de saúde de san Roque deberá cambiar de emprazamento por motivos de seguridade viaria, segundo o comunicado remitido polo Ministerio de Fomento, titular da estrada. Para garantir a prestación do servizo de transporte público aos usuarios do ambulatorio de xeito cómodo, o concelleiro de Tráfico propuxo aos autopatróns trasladar a parada á travesía situada a escasos 10 metros do emprazamento actual.
O Ministerio de Fomento argumenta o traslado da parada de taxis actual en que, debido ao actual trazado da estrada, a ocupación do lateral da calzada que pasa fronte a farmacia, obriga aos vehículos que circulan en dirección a Pontevedra a desprazarse á esquerda, co conseguinte risco de invadir o carril contrario. A situación complícase neste punto debido a que é onde se incorporan a esta vía os vehículos que saen do estacionamento público do ambulatorio, na Rúa O Pino.
Benito Pérez Dorgambide comentou que para evitar este problema e, á vez, manter o servizo de taxis o máis preto posible do ambulatorio, é polo que se propuxo emprazar a parada na travesía Pasaxe García de Caamaño. Ademais de atoparse a escasos 10 metros e non supor obstáculo algún para a circulación nin para os peóns, a parada será perfectamente visible dende a saída do centro de saúde.
A proposta xa se comentou cos taxistas afectados e será tratada na Xunta Local de Goberno do venres.











