A música tradicional galega e latinoamericana fusiónanse nun concerto en Mos para continuar ao grande coas Festas da Rosa

Óscar Ibáñez xunto a alcaldesa de Mos na presentación do disco
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Cultura mosense, Sara Cebreiro, e o propio artista protagonista, Óscar Ibáñez, presentaron esta mañá no Concello o concerto que se celebrará o vindeiro sábado, día 21 de xuño, a partir das 22:00 horas na Praza do Pazo dos Marqueses de Mos e con entrada de balde.
O concerto en Mos deste gaiteiro pontevedrés (natural de Porto Santo, San Salvador de Poio, Pontevedra), unha das actuacións estrela da programación cultural da Festa da Rosa 2014, está subvencionado pola Deputación de Pontevedra. Durante a actuación do sábado Ibáñez interpretará temas do seu primeiro disco en solitario, Alén do mar, un traballo inspirado no poema O fillo de Celt do cambadés Ramón Cabanillas aclamado “Poeta da Raza”. Por este motivo Óscar Ibáñez decidiu realizar a presentación do seu disco en Cambados. Curioso dato a destacar tamén é que o propio Ramón Cabanillas foi Secretario municipal do Concello de Mos.
Neste disco o gaiteiro e frautista pontevedrés invítanos a unha viaxe sonora que discorre polo Atlántico chea de orixinalidade, imaxinación e creatividade, a través dunha magnífica selección de melodías galegas e latinoamericanas enriquecidas con elementos propios da música celta.
Deste xeito mestura muiñeiras ancestrais recollidas polo gaiteiro boticario Perfecto Feijóo, composicións celtas do virtuoso violinista Manuel Quiroga ou un tema dedicado ao pirata da Moureira Benito Soto, co arin-arin, un xénero xerado no Camiño de Santiago Norte ou Camiño da Costa ó seu paso por Euskadi, o flamenco e outras músicas denominadas de ida e volta coma a habanera, o choro, o valse venezolano ou o tango, que atopou na outra ribeira.
Para gravar “Alén do mar” Oscar Ibáñez contou cos excelentes músicos da súa Tribo formada por Fernando Fraga, Harry Price, Carlos Calviño, Paco Dicenta e Andrés Vilán, e coa colaboración doutros magníficos músicos experimentados entre os que figuran os galegos Javier Cedrón, Marcos Teira, Pedro Pascual, Xulio Abal, Alba Barreiro, Simón García, Carlos Castro, Luís Prego, Cristóbal Pascual, Xan Pampín, Moisés Fernández, María Rial e Pedro Rial, o gaditano Francisco Benítez, o navarro Íñigo Aguerri, o vasco Xabier Berasaluze “Leturia”, o irlandés Diarmaid Moynihan, o cubano Oscar Rodríguez, os brasileiros Sergio Tannus e Paulo Silva, os arxentinos Juan Rivero, Federico Santisteban, Nicolás Tabbush e Ángel Bonura e os venezolanos Pablo Camacaro e Néstor Gil.
Para a coprodución deste traballo Oscar Ibáñez confiou na creatividade do guitarrista vigués Carlos Calviño.
No concerto do sábado en Mos no que presentará o seu disco Alén do mar, Ibáñez contará co acompañamento musical da súa banda de directo Oscar Ibáñez & Tribo, formada polos músicos galegos de recoñecida traxectoria Fernando Fraga, acordeón, Harry Price, violín, Carlos Calviño, guitarras, Paco Dicenta, baixo, e Andrés Vilán, batería e percusión, cos que actuou en distintos puntos da península como Galicia, Cantabria, Cataluña, León, Madrid, Andalucía e Canarias, así coma en Bretaña e Italia.











