A mostra ‘Nimbos de luz’ fai parada en Redondela ata finais de mes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRedondela
A-
A+

A mostra itinerante “Nimbos de luz”, que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a levar durante este ano a un total de 14 puntos de Galicia, fai estes días parada no concello de Redondela e pódese visitar ata o vindeiro 30 de xuño no Multiúsos da Xunqueira. Os secretarios xerais de Política Lingüística e de Cultura, Valentín García e Anxo Lorenzo, respectivamente, foron os encargados de inaugurala hoxe, coincidindo coa celebración da xincana escolar Díaz Castro na voz da xente, na que participou alumnado do IES Mendiño.

Os departamentos de Cultura e de Política Lingüística da Consellería promoven esta exposición -comisariada por Alfonso Blanco Torrado, por Luís González Tosar e por Armando Requeixo- coa que a Xunta de Galicia quere difundir a vida e a obra de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado en 2014 con motivo das Letras Galegas. “Nimbos de luz” chega acompañada dunha xincana escolar aos sete concellos da Rede de Dinamización Lingüística que a acollerán ata decembro.
Durante o acto, o secretario xeral de Cultura destacou o interese da exposición para dar a coñecer entre a cidadanía a contribución de Díaz Castro á literatura galega, así como para poñer en valor o destacado labor desenvolvido ao longo da súa vida no ámbito da tradución. A través de 14 paneis con texto e fotografías que ilustran a traxectoria vital e profesional do poeta de Guitiriz, a exposición constitúe unha das propostas centrais coas que a Xunta de Galicia conmemora ao longo de todo este ano as Letras Galegas 2014, segundo afirmou o secretario xeral.
Segundo explicou García Gómez “a xincana lingüística é unha actividade complementaria da exposición, coa que a Consellería de Cultura e Educación quere achegarlle a figura, a obra e a vida de Díaz Castro á rapazada dun xeito lúdico, interactivo e divertido, e facer partícipe á RDL da celebración das Letras Galegas no marco da súa programación anual de actividades”.

Acompañáronos no acto de apertura da mostra o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o rexedor redondelán, Javier Bas, e o concelleiro de Cultura.

Unha mostra itinerante para achegarlle á cidadanía a figura de Díaz Castro

A mostra “Nimbos de luz” comezou a súa itinerancia o pasado febreiro na vila natal de Díaz Castro, en Guitiriz. Logo do seu paso polos concellos de Guitiriz, Vigo, Pontevedra, Cerceda, Santiago de Compostela, A Estrada e Redondela, as seguintes paradas serán Vilagarcía de Arousa (do 1 ao 30 de xullo), Mondoñedo (do 1 ao 29 de agosto), A Coruña (do 2 ao 16 de setembro), Lugo (do 18 ao 30 de setembro), Ourense (do 2 ao 16 de outubro) e A Rúa (do 18 de outubro ao 3 de novembro), Cee (do 1 ao 14 de decembro) e, finalmente, Celanova (do 16 ao 30 de decembro).

Por medio de 14 paneis temáticos, que se completan cunha parte audiovisual, na que se inclúe a proxección do documental O instante eterno, de Xosé Antón Cascudo, “Nimbos de luz” permite unha importante aproximación á obra do poeta, tradutor e intelectual de Guitiriz.

Acompáñase de folletos ilustrativos nos que se reflicte o contido da mostra e forma parte da programación que a Consellería de Cultura e Educación está a promover este ano arredor das Letras Galegas.

‘Díaz Castro na voz da xente’ dentro da programación da RDL

A xincana lingüística ‘Díaz Castro na voz da xente’, xestionada por Xandobela, Xestión e Dinamización Sociocultural, está a chegar a sete concellos da RDL como complemento á mostra “Nimbos de luz”, que a Xunta de Galicia promove co gallo da celebración das Letras Galegas 2014. Nela participa alumnado de último ciclo de primaria e de secundaria das localidades de Cerceda, A Estrada, Redondela, Vilagarcía de Arousa, A Rúa, Cee e Celanova de maio a decembro, coincidindo coas estadías da mostra “Nimbos de luz”.

No desenvolvemento da actividade, a rapazada terá que ir superando, por grupos e guiada por monitorado, un total de catro probas ou retos relacionados coa vida e coa figura do persoeiro homenaxeado, nas que se combinan a compoñente histórico-lingüística coa dimensión lúdica e participativa: Penélope, Díaz Castro docente e tradutor, Nimbos de luz e Obra espallada.

As seguintes sesións da xincana serán o 15 de xullo en Vilagarcía de Arousa, o 24 de outubro na Rúa, o 1 de decembro en Cee e o 18 de decembro en Celanova (www.xunta.es/linguagalega/programacion_rede_de_dinamizacion_linguistica_2014)

16 de xuño de 2014 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.