A Mancomunidade de Ordes entrega os premios do concurso de cuñas de radio ‘O galego na onda’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+
Foto de grupo dos premiados

Foto de grupo dos premiados

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes entregou esta mañá os premios da fase local do concufrso de cuñas de radio ‘O galego na onda’, convocado pola Rede de Dinamización Lingüística na súa programación co gallo do Día das Letras Galegas. O acto tivo lugar no CPI da Ponte Carreira (Frades) e contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García; do presidente da Mancomunidade e alcalde de Ordes, Manuel Regos; e do alcalde de Frades, Roberto Rey.

Na categoría de primeiro e segundo curso da ESO, o primeiro premio correspondeu á cuña elaborada por Marta Rey, Diego Bodelo e Andrea López. O segundo premio foi para a creación de Sara Uzal, Matías Bodelo e Lorena García. En canto á categoría de terceiro e cuarto da ESO, obtiveron o primeiro premio Lucía Mosquera e Sandra Mella. O segundo correspondeulles a Sheila Rodríguez e Sara Rivadas.

O xurado do certame valorou especialmente o grao de elaboración das mensaxes, a súa orixinalidade e a calidade no uso da lingua. Neste sentido, o responsable autonómico de Política Lingüística destacou a capacidade creativa do alumnado de Frades: “desde Santiago vimos que o CPI da Ponte Carreira foi o máis dinámico neste concurso, foi o centro estrela de toda Galicia, e por eso decidimos entregar aquí os premios”, asegurou Valentín García. O presidente da Mancomunidade e o alcalde de Frades felicitaron tamén aos estudantes e desexáronlles sorte na seguinte fase do concurso.

E é que os gañadores dos primeiros premios desta fase local de ‘O galego na onda’ entran agora nunha segunda fase na que a súa cuña competirá coas gañadoras doutros municipios da Rede de Dinamización Lingüística nos que se desenvolveu este concurso. Os gañadores desa segunda fase obterán como premio un lote de libros e a gravación dun programa na radio autonómica coa colaboración de profesionais.

Antes desa fase autonómica, tanto os primeiros como os segundos premios da fase local poderán participar a partir de setembro nun obradoiro de radio en Radio Ordes, con profesionais como o actor Rubén Riós que lles ensinarán como manexar a voz, a música e os efectos sonoros. O uso das tecnoloxías da comunicación foi un dos factores destacados polo secretario xeral de Política Lingüística: “nas nosas accións queremos promover o galego e ademais facer cousas útiles para o voso futuro, as tecnoloxías da información encaixan nesa idea e por eso pensamos en cuñas de radio”. O presidente da Mancomunidade animou o alumnado a “disfrutar e aprender” nos obradoiros que se desenvolverán na radio municipal.

20 de xuño de 2014 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.