A Laracha solicita a participación nos programas de promoción da igualdade da Xunta
O Concello da Laracha celebrou hoxe unha sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local na que se acordou solicitar a participación en dous programas convocados pola Xunta de Galicia.
Así, por unha parte presentarase un proxecto para o desenvolvemento de accións dirixidas á promoción da igualdade entre homes e mulleres ao abeiro da convocatoria da Secretaría Xeral de Igualdade da Consellería de Presidencia e Administracións Públicas e Xustiza (DOG número 86 do 7 de maio de 2014). Este programa contempla tres liñas subvencionables e o Concello da Laracha pretende beneficiarse de todas elas.
Con cargo á referida ao apoio aos centros de información ás mulleres (CIM), solicitarase a colaboración económica no financiamento da retribución do persoal deste servizo municipal, formado por unha psicóloga e unha avogada que ao longo de todo o ano, con carácter permanente e de xeito gratuíto, están a disposición das mulleres para prestarlles atención psicolóxica e xurídica, especialmente ás vítimas da violencia de xénero. Tamén ofrece información en materia de recursos e orientación profesional, ademais de realizar actividades formativas e informativas para este colectivo, así como para os estudantes, neste caso en materia de prevención.
En canto ao programa de promoción da igualdade entre homes e mulleres e prevención e tratamento integral da violencia de xénero a axuda económica solicitada destinaríase á colaborar coa organización dos campamentos urbanos que o Concello da Laracha realiza durante o verán e tamén para o desenvolvemento dos obradoiros que sobre dita materia se imparten cada ano nos centros de ensino.
Por último, no apartado relativo ao fomento da conciliación a achega tería como destino a realización de actividades de promoción da igualdade (por exemplo, obradoiros de corresponsabilidade) no marco do programa Harmoniza, isto é, na aula lúdica municipal.
Programa de fomento do emprego
Por outra banda, tamén se solicitará a participación no programa de fomento do emprego e mellora da empregabilidade convocado pola Consellería de Traballo e Benestar (DOG número 112 do 30 de maio de 2014). A finalidade é a contratación de seis socorristas que prestarían servizo na praia de Caión durante a próxima campaña de verán.
Como en anteriores anos, o Concello da Laracha presentará en próximas datas unha oferta pública de emprego na oficina do INEM de Carballo, polo que soamente poderán formar parte do proceso de selección aquelas persoas que estean inscritas como demandantes de traballo e que cumpran as condicións correspondentes.











